Burela impulsa a renovación da Marosa cun investimento de máis de 600.000 euros

AMariñaXa
O Concello afrontará en dúas fases a mellora do histórico campo de fútbol, priorizando a seguridade das instalacións e a conservación dos seus elementos máis emblemáticos
burela-campo-futbol-marosa-gradas
30 May 2026

O Concello de Burela dará un novo paso para garantir o futuro do campo de fútbol da Marosa cunha actuación de conservación e reforma que contará cun investimento superior aos 600.000 euros, aprobado este venres pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo. A intervención permitirá desbloquear unha situación que levaba anos pendente e que afectaba especialmente á grada norte da instalación deportiva.

A alcaldesa, Carmela López Moreno, destacou a importancia dunha actuación que definiu como “fundamental para asegurar o futuro da Marosa” e para resolver problemas estruturais acumulados co paso do tempo. A rexedora lembrou ademais o valor histórico e emocional que este recinto ten para a veciñanza burelesa, ao formar parte da memoria deportiva e social da vila desde hai máis de medio século.

As obras executaranse en dúas anualidades co obxectivo de compatibilizar os traballos co uso habitual das instalacións. A primeira fase, prevista para este 2026, centrarase nas actuacións máis urxentes, como a conservación da grada sur, a análise técnica do estado da grada norte, a retirada de elementos deteriorados e a adopción de medidas de seguridade e consolidación estrutural.

Segundo explicou o goberno local, esta etapa servirá tamén para definir as futuras actuacións e estudar alternativas que permitan preservar espazos simbólicos do recinto, especialmente os vestiarios históricos. López Moreno subliñou que o Concello intentará “esgotar todas as posibilidades” para manter estes elementos representativos da identidade da Marosa.

A segunda fase, programada para 2027, incluirá melloras na cuberta, bancadas, asentos, varandas e zonas de servizo, reforzando a accesibilidade, a funcionalidade e a seguridade do campo. O executivo municipal insiste en que a prioridade pasa por modernizar a instalación sen perder a esencia dun dos espazos máis queridos do deporte local.

0.11924600601196