Barreiros incorpora dous robots cortacéspedes para os campos do Celta Barreiros e o Iberia

O Concello de Barreiros adquiriu dous robots cortacéspedes de última xeración destinados a facilitar o mantemento dos campos de fútbol utilizados polo Celta Barreiros e o Iberia. Os dispositivos foron postos a disposición dos dous clubs locais mediante un convenio de colaboración.
A adquisición contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e responde, segundo o Concello, a unha demanda das propias entidades deportivas. A incorporación destes equipos permitirá automatizar parte dos traballos de conservación do céspede e facilitar as tarefas que os clubs realizan habitualmente para manter os terreos de xogo en boas condicións.
As instalacións teñen unha actividade que vai máis alá das competicións federadas do Celta Barreiros e do Iberia. Ao longo do ano tamén serven de escenario para diferentes iniciativas desenvolvidas en colaboración co Concello, entre elas probas de deporte escolar, adestramentos das escolas deportivas municipais, o Campus Celta de Vigo e o Festival Folclórico Internacional do Emigrante.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, enmarcou a iniciativa no apoio municipal ás entidades do concello. "Seguimos colaborando co tecido asociativo, neste caso cos dous clubs de fútbol que realizan un gran esforzo para manter en condicións os terreos de xogo", sinalou.
Pola súa banda, o concelleiro de Dinamización e deputado provincial, Dani García, destacou a relación coas asociacións e clubs locais. "Esta colaboración é o reflexo da boa sintonía e comunicación coas entidades locais, que fan un gran traballo diario no mantemento das instalacións", afirmou.
Coa chegada dos dous robots, o Concello busca facilitar o mantemento dos campos e mellorar as condicións das instalacións, tanto para a actividade habitual dos clubs como para o resto de eventos deportivos, culturais e sociais que se celebran nelas durante o ano.