Autorizado o soterramento de liñas eléctricas e a renovación de centros de transformación en Foz

Foz
AMariñaXa
A actuación promovida por Begasa contará cun investimento próximo ao millón de euros e permitirá modernizar parte da rede eléctrica no municipio para mellorar a calidade e seguridade da subministración
Liña-de-alta-tension-torreta-electrica
13 May 2026

A Consellería de Economía e Industria vén de autorizar administrativamente o proxecto promovido por Begasa para a modernización dunha parte da rede eléctrica no concello de Foz, unha actuación que inclúe o soterramento de varias liñas de alta tensión e a renovación de distintos centros de transformación.

O proxecto, cun investimento previsto de máis de 965.000 euros, contempla intervencións nas liñas de 20 kV Cangas e Burela_1, así como a substitución e cambio de localización de varios centros de transformación situados en diferentes puntos do municipio.

Entre as actuacións previstas figura a execución de novos tramos de liña soterrada, a instalación de centros de transformación prefabricados e o desmontaxe de antigas infraestruturas aéreas, incluíndo apoios, condutores e instalacións xa existentes. O obxectivo principal desta iniciativa é reforzar a calidade do servizo eléctrico e incrementar a seguridade da rede.

A resolución, asinada o pasado 17 de abril polo Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, concede tanto a autorización administrativa previa como a autorización de construción das instalacións.

O proxecto inclúe a creación de novos centros de transformación en Cangas, Vilachá, G. Canel e Areoura, equipados con sistemas telemandados e adaptados ás necesidades actuais da rede eléctrica. Ademais, prevese o soterramento de varios quilómetros de liñas de alta tensión, unha actuación que tamén contribuirá á mellora paisaxística da contorna.

Dentro dos traballos autorizados recóllese igualmente a retirada de antigas estruturas aéreas e o desmantelamento de varios centros de transformación xa obsoletos.

Segundo establece a resolución autonómica, as obras deberán executarse conforme ao proxecto técnico presentado e baixo a supervisión dun técnico competente. Ademais, Begasa terá que garantir o mantemento e a seguridade das instalacións tanto durante a execución como unha vez entren en funcionamento.

O prazo máximo previsto para a posta en servizo das novas infraestruturas será de dous anos desde a obtención da última autorización necesaria para a execución das obras.

0.1374249458313