As piscinas municipais recuperan o horario completo en Mondoñedo

AMariñaXa
O Complexo Deportivo Viñas da Veiga abrirá de luns a domingo, de 12.00 a 20.00 horas, tras os problemas pola falta de socorristas
MONDOÑEDO piscina
8 Jul 2026

As piscinas municipais do Complexo Deportivo Viñas da Veiga volverán funcionar con normalidade durante toda a semana. O Concello de Mondoñedo informou de que as instalacións abrirán de luns a domingo, en horario de 12.00 a 20.00 horas, mantendo operativos os tres vasos.

A medida chega despois de que a falta de persoal de salvamento obrigase a pechar a piscina durante as fins de semana, unha decisión adoptada tras unha reunión informativa cos usuarios no Pazo Santo Tomé. Daquela, o goberno local explicou que a escaseza de socorristas dificultaba manter o servizo completo con garantías.

Agora, o Concello asegura que queda garantido o servizo de socorrismo durante toda a semana, o que permite recuperar a apertura diaria das instalacións no complexo deportivo.

Ademais, a administración local lembra que os aboados que o soliciten recibirán a parte proporcional correspondente polo tempo no que non puideron utilizar a piscina esta fin de semana, unha cantidade inferior a 5 céntimos.

0.13952708244324