Malestar en Mondoñedo polo peche da piscina municipal por falta de socorrista

O anuncio realizado pola Alcaldía de Mondoñedo sobre o peche da piscina municipal durante a fin de semana por non dispoñer de persoal de socorrismo provocou malestar entre as persoas usuarias e entre a veciñanza en xeral. Desde o grupo municipal do BNG consideran que a situación non responde a un imprevisto, senón a unha deficiente planificación por parte do goberno local.
O portavoz nacionalista, Eloi Cabanas, cualificou o sucedido como “un exemplo máis da irresponsabilidade e neglixencia do Partido Popular” e asegurou que un servizo como o da piscina municipal, que funciona unicamente durante os meses de verán, debe estar preparado e organizado con suficiente antelación. Segundo indicou, resulta difícil comprender que, existindo previsión orzamentaria para contratar persoal laboral temporal destinado ao servizo de socorrismo, as instalacións teñan que permanecer pechadas por falta dun ou dunha profesional.
Cabanas tamén comparou a situación de Mondoñedo coa doutros concellos da contorna, que están a prestar o servizo con normalidade durante toda a semana. O portavoz preguntouse como é posible que municipios veciños consigan cubrir as prazas de socorrismo e manter abertas as súas piscinas, mentres o goberno municipal mindoniense non é capaz de garantir un servizo que só se desenvolve durante dous meses ao ano.
Desde o BNG apuntan ademais á tardanza na convocatoria das prazas como unha das causas da situación. Segundo lembran, as bases que regulan o proceso de selección de dous postos de socorrista laboral temporal foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia o pasado 19 de xuño, apenas dúas semanas antes da apertura prevista das instalacións.
A formación nacionalista considera que, nun contexto no que xa se coñecen as dificultades existentes para atopar persoal de socorrismo, o Concello debería ter actuado con maior previsión para evitar incidencias que afectan directamente á cidadanía. Por este motivo, reclama ao goberno municipal que intensifique de maneira inmediata as xestións necesarias para restablecer o servizo e garantir unha piscina aberta con normalidade, ofrecendo á veciñanza unha prestación de calidade pola que, segundo lembran, paga o correspondente abono.