As familias afectadas pola derruba dos chalés convocan unha concentración en Barreiros

As familias afectadas pola derruba de seis vivendas en Lóngara, no municipio de Barreiros, convocaron unha concentración para o vindeiro 28 de agosto co obxectivo de visibilizar a súa situación e sumar apoios á súa reivindicación. A mobilización comezará ás 18.00 horas diante da Casa do Concello.
Baixo as mensaxes "Defendamos os seus fogares" e "Stop derribos", os afectados fan un chamamento á veciñanza e a todas aquelas persoas que queiran mostrarlles o seu respaldo para que participen na protesta.
A convocatoria chega nun momento especialmente delicado para as seis familias, afectadas por un longo conflito urbanístico e xudicial relacionado coas vivendas construídas nas inmediacións da praia de Lóngara. Os propietarios levan meses intensificando as súas reivindicacións ante a perspectiva de que se execute a derruba dos inmobles.
No cartel elaborado para anunciar a concentración, os afectados resumen a súa situación coa mensaxe "As seis de Lóngara. Seis fogares. Seis familias", coa que pretenden poñer o foco na dimensión persoal dun procedemento que se prolonga desde hai anos.
As familias sosteñen que adquiriron no seu momento as parcelas con licenzas concedidas polo Concello e que posteriormente construíron as súas casas cumprindo cos trámites administrativos que lles foron requiridos. Agora buscan evitar a desaparición dunhas vivendas que, nalgúns casos, levan arredor de dúas décadas habitadas.
A concentración do día 28 pretende trasladar esta reivindicación á rúa e facer partícipe á sociedade da situación que atravesan. Os convocantes cualifican de "barbarie" o que está a suceder e convidan a sumarse á mobilización a todas as persoas que queiran apoiar a defensa das seis vivendas.
A protesta desenvolverase diante da sede do Concello de Barreiros, administración que debe afrontar a execución da derruba derivada do procedemento xudicial. Coa convocatoria, as familias buscan aumentar o apoio social e reclamar que se exploren todas as posibilidades ao alcance das administracións para evitar a perda dos seus fogares.