A Mariña avanza na implantación do novo modelo SICTED con 57 empresas e servizos turísticos adheridos

Foz
AMariñaXa
A Mancomunidade reuniu en Mondoñedo o sector para avaliar o traballo realizado e presentar tres xornadas formativas gratuítas sobre intelixencia artificial, sostibilidade e deseño de experiencias turísticas
MONDOÑEDO SICTED
29 Oct 2026

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense continúa avanzando na implantación do novo modelo SICTED, ao que están adheridos actualmente 57 empresas e servizos turísticos da comarca. A entidade celebrou este mércores, 28 de outubro, unha reunión de traballo en Mondoñedo coas empresas participantes no programa para revisar os avances realizados durante o ano, compartir valoracións e propoñer novas accións destinadas a mellorar a calidade e a competitividade do destino turístico.

As entidades adheridas pertencen a diferentes ámbitos da actividade turística, entre eles o aloxamento, a restauración, os bares e cafeterías, os servizos de guía, os museos, a artesanía, os taxis, a información turística, as experiencias agroturísticas e o turismo activo. O obxectivo é implicar os distintos axentes do sector nunha estratexia común que permita mellorar os servizos e avanzar cara a un turismo máis responsable.

A implantación do SICTED desenvólvese ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A presidenta da entidade, Rocío López, sinalou que o programa busca sumar os esforzos das empresas e dos axentes turísticos da Mariña para traballar conxuntamente pola calidade, a responsabilidade turística e a mellora do destino.

Tres xornadas formativas para o sector turístico

Durante a reunión tamén se presentou un programa de formación que se desenvolverá nas vindeiras semanas baixo o título 'Empresas turísticas más rendibles, sostibles e innovadoras'. A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo a través dos convenios asinados, será totalmente gratuíta e estará orientada á aplicación práctica dos coñecementos na xestión diaria dos negocios.

O calendario inclúe tres xornadas de catro horas cada unha, nas que se combinarán explicacións, exemplos aplicados ao sector e exercicios guiados. As sesións abordarán cuestións relacionadas coa dixitalización, a eficiencia na xestión dos recursos e a creación de produtos turísticos vinculados á identidade do territorio.

A primeira formación terá lugar o martes 3 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas, na aula CEMIT de Foz, situada na Casa da Xuventude. Baixo o título 'Intelixencia artificial aplicada ao turismo', estará impartida por José Alcañiz, fundador e director xerente de Esterea Comunicación Digital.

A sesión centrarase no uso de ferramentas de intelixencia artificial para aforrar tempo nas tarefas administrativas, crear contidos, responder consultas, mellorar a comunicación cos clientes e reforzar a comercialización dos servizos. Tamén se tratará a análise de vendas, reservas, comentarios e patróns de demanda, xunto co uso responsable destas tecnoloxías, a protección de datos e a verificación da información.

A segunda xornada celebrarase o xoves 12 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas, no Hotel O Cabazo de Ribadeo. A formación, titulada 'Sostibilidade que multiplica: rendibilidade e impacto positivo na empresa turística', será impartida por Claudia Rodríguez, cofundadora de Alén.

O obxectivo será mostrar como unha xestión máis eficiente dos recursos e a incorporación de prácticas sostibles e de economía circular poden contribuír á rendibilidade dos negocios. Ademais, analizaranse posibilidades para mellorar os ingresos mediante experiencias sostibles, diferenciar a oferta, impulsar a compra local e fomentar a cooperación entre empresas.

A terceira sesión desenvolverase o mércores 18 de novembro, tamén de 10:00 a 14:00 horas, na antiga carboeira do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, en Cervo. Baixo o título 'Turismo Slow: deseñar experiencias con identidade', contará coa participación de María Traveso e Vero Rodríguez, socias de Promove Consultoría e Formación.

Esta formación estará orientada a identificar os recursos propios da Mariña, como a natureza, o patrimonio, a cultura, a gastronomía, os oficios e as persoas, para transformalos en experiencias atractivas e comercializables. Tamén se abordará o deseño de propostas para diferentes públicos e épocas do ano, así como a creación de produtos turísticos conxuntos entre empresas complementarias.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado pola organización.

Un modelo renovado para mellorar a calidade turística

O SICTED, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), renóvase este ano tras 25 anos de traxectoria para adaptarse á evolución do sector e aos novos retos do modelo turístico español. A súa nova denominación é 'Sostibilidade, Intelixencia e Calidade Turística no Ecosistema do Destino', unha formulación que integra a calidade dos servizos coa sostibilidade e o uso de ferramentas tecnolóxicas avanzadas.

O sistema permite incorporar ferramentas de xestión nos negocios, mellorar a calidade dos servizos e reforzar a coordinación entre os axentes turísticos. Tamén busca promover a mellora continua, analizar a percepción das persoas usuarias e visitantes e incorporar criterios ambientais e sociais á xestión empresarial.

A adhesión ao programa é totalmente gratuíta para as empresas. A través desta iniciativa, a Mancomunidade pretende consolidar unha estratexia compartida que permita mellorar a experiencia dos visitantes e reforzar a competitividade turística da Mariña Lucense.

0.15589499473572