A Deputación reforza a conservación das estradas de Barreiros ante a chegada do verán

A rede viaria provincial de Barreiros continúa a recibir actuacións de conservación e mellora dentro do plan impulsado pola Deputación de Lugo para preparar as estradas de cara ao incremento de tráfico propio da tempada estival. Os últimos traballos desenvolvéronse en varias vías do municipio co obxectivo de mellorar a seguridade da circulación e garantir un correcto estado das infraestruturas.
Os operarios do Parque Móbil provincial finalizaron recentemente as tarefas de limpeza de cunetas na estrada LU-P-0609 ao seu paso pola parroquia de San Xusto de Cabarcos, nun tramo que alcanza os primeiros 2,3 quilómetros da vía. Tamén se realizaron actuacións na LU-P-6103, que comunica os concellos de Barreiros e Trabada, onde se acondicionou un sector de aproximadamente 300 metros.
Estas intervencións permiten optimizar a evacuación das augas pluviais, contribuír á conservación do firme e mellorar as condicións de seguridade para os usuarios. Ademais, forman parte dunha estratexia de mantemento preventivo destinada a prolongar a vida útil das estradas e evitar deterioros de maior envergadura.
Unha vez concluídos estes traballos, a maquinaria provincial continuará actuando en diferentes pistas rurais do municipio para mellorar a súa funcionalidade e facilitar os desprazamentos da veciñanza.
As tarefas de conservación compleméntanse cun importante esforzo investidor realizado nos últimos anos en Barreiros, onde a Deputación destinou máis de 700.000 euros á mellora da rede viaria. Entre as actuacións máis recentes destaca a renovación da estrada LU-P-0610, que dá acceso a varias praias da costa barreirense. Nesta vía investíronse 210.000 euros para mellorar o pavimento, a drenaxe e a sinalización, ademais de ordenar preto de oitenta prazas de estacionamento na contorna da praia de Altar.
Estas actuacións súmanse ás realizadas noutras estradas provinciais do municipio, reforzando as conexións entre os núcleos de poboación e os principais puntos de interese turístico da costa.