A Deputación inicia a rehabilitación da LU-P-4802 entre A Pontenova e Ribeira de Piquín

A Deputación de Lugo puxo en marcha as obras de rehabilitación da estrada LU-P-4802, que comunica os concellos da Pontenova e Ribeira de Piquín, nunha actuación destinada a mellorar o estado dunha vía clave para a mobilidade na zona da Montaña lucense.
Os traballos concéntranse no tramo final do vial, cun percorrido de arredor de tres quilómetros que discorre paralelo ao río Eo, entre a parroquia de Santalla e Ponte Soutelo. Esta intervención busca reforzar tanto a seguridade como a funcionalidade dunha estrada moi utilizada pola veciñanza da contorna.
A empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU é a adxudicataria do proxecto, que xa deu comezo coa limpeza e reapertura de cunetas. A continuación, está previsto executar unha escollera de contención, a pavimentación con aglomerado en quente e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical.
Desde a institución provincial destacan que se trata dunha actuación importante para mellorar a conectividade entre a Mariña e a Montaña, ao tempo que contribúe a vertebrar as parroquias do val do Eo, unha zona de elevado valor natural e paisaxístico.