A Deputación inicia a mellora de máis de tres quilómetros da estrada que une Bravos e San Pantaleón en Ourol

AMariñaXa
Os traballos inclúen a limpeza e reapertura de cunetas, a reparación de danos e a repavimentación dun treito da vía que pasa por Foxo
270826-Inicio-traballos-LU-P-3807---OUROL
Fotografía da obra do 2020
27 Aug 2026

A Deputación de Lugo iniciou esta semana en Ourol os traballos de acondicionamento dun treito da estrada provincial LU-P-3807, que comunica as parroquias de Bravos e San Pantaleón pasando por Foxo. A actuación conta cun investimento próximo aos 110.000 euros e abrangue algo máis de tres quilómetros.

As obras desenvolveranse concretamente entre os puntos quilométricos 6,510 e 9,543. O proxecto contempla a reapertura das cunetas, a reparación dos danos existentes na calzada e a posterior repavimentación do tramo para mellorar as condicións do firme.

A empresa CARFERLO S.L.U. é a encargada de executar unha intervención coa que a institución provincial pretende reforzar a seguridade e facilitar a circulación por unha estrada empregada habitualmente pola veciñanza do municipio.

Esta actuación en Ourol enmárcase no programa de conservación e mellora da rede provincial de estradas que desenvolve a Deputación de Lugo. No que vai de ano, a institución leva destinados máis de 7 millóns de euros á execución de obras nas vías provinciais, dentro dun orzamento global de 12 millóns reservado para este ámbito.

A estes fondos súmanse preto de 1,5 millóns de euros destinados á renovación do Parque Móbil provincial e outros 2,4 millóns para o servizo de desbroces.

Co acondicionamento da LU-P-3807, a Deputación busca renovar un tramo que resulta relevante para as comunicacións locais entre diferentes núcleos de Ourol e ofrecer unhas mellores condicións de circulación aos seus usuarios.

0.14163494110107