A Deputación de Lugo leva o porco celta ao festival Breason de Mondoñedo cunha cata dirixida á mocidade

O programa ‘Un gusto de rural, un rural degusto’, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, levou os produtos derivados do porco celta ao festival Breason de Mondoñedo mediante unha cata e maridaxe de petiscos elaborados con carne desta raza autóctona, acompañados de cervexa.
A actividade gastronómica, na que participaron uns cincuenta asistentes, serviu de pistoletazo de saída á segunda xornada do evento, que este ano volveu combinar a súa proposta musical con actividades centradas na cultura e no patrimonio da zona.
O deputado provincial de Rural e Mocidade, Daniel García, estivo presente na cita gastronómica. O responsable provincial salientou que iniciativas deste tipo supoñen unha vía para achegar os produtos de razas autóctonas á mocidade, á vez que contribúen a ampliar as saídas comerciais das ganderías da provincia que apostan por este tipo de razas e por un modelo de produción ligado ao territorio. Os produtos empregados na degustación foron aportados pola gandería mindoniense Celtagal.
Durante a súa visita, García tamén trasladou o respaldo da institución provincial á proposta cultural que representa o Breason, festival organizado pola Asociación Xuvenil Xoldra que na súa quinta edición incluíu actuacións de Ünder & Diego Flâneur, Las Petunias e Sedientos de Cumbia, ademais das agrupacións tradicionais da localidade Os Carricantos e Meniñ@s da Mariña.