A conexión directa do polígono de Cervo coa N-642 volve estar sobre a mesa

AMariñaXa
A Deputación de Lugo actualiza o proxecto dun vial de 1,4 quilómetros que suporía un investimento estimado de 1,5 millóns de euros, ao que habería que sumar as expropiacións
CERVO estudo terreo
21 Nov 2026

A Deputación de Lugo retomou a tramitación do proxecto para construír un acceso directo desde o polígono empresarial de Cervo á N-642, unha infraestrutura que leva anos sendo demandada polo tecido empresarial da zona. Os servizos técnicos provinciais traballan desde hai varias semanas na actualización do documento técnico e nas consultas aos organismos que deberán emitir os informes favorables necesarios para a súa execución.

O proxecto contempla a construción dun vial de aproximadamente 1,44 quilómetros que conectaría a estrada provincial LU-P-1510, situada xunto ao parque empresarial, coa N-642. O investimento estimado para executar a infraestrutura ronda os 1,5 millóns de euros, aos que habería que engadir o custo da expropiación duns 15.000 metros cadrados de terreos.

O documento técnico está practicamente preparado, xa que os traballos céntranse en adaptar á situación actual o proxecto elaborado hai máis dunha década. Unha vez aprobado pola xunta de goberno provincial, procederase a tramitar o proxecto de expropiación das parcelas necesarias para a obra e a iniciar a súa adquisición.

Paralelamente, a Deputación está realizando as consultas para obter os informes sectoriais preceptivos. A infraestrutura necesita autorización do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, ao conectar cunha estrada estatal; de Adif, debido a que o trazado deberá salvar a vía ferroviaria na zona máis próxima ao polígono; e da Consellería de Medio Ambiente, que deberá avaliar o impacto da actuación. Segundo a institución provincial, ao non existir patrimonio natural protexido na zona, será suficiente unha avaliación ambiental simplificada.

Un proxecto pendente desde hai máis de dúas décadas

A conexión coa N-642 foi proxectada en dous treitos por Xestur, a empresa pública da Xunta que promoveu e executou o polígono empresarial de Cervo. En virtude dun acordo entre a Deputación e a Administración autonómica, a institución provincial encargouse do movemento de terras do primeiro treito, duns 700 metros e situado máis preto do parque empresarial. A Xunta debía executar posteriormente a capa de firme, pero esta actuación nunca chegou a realizarse.

O segundo treito chegou a estar contratado e iniciouse o proceso de expropiación no marco do Plan Operativo Local de 2004. Porén, varios propietarios presentaron alegacións, algunhas delas en decembro de 2005 e xaneiro de 2006, que non foron contestadas, segundo a documentación que consta nos arquivos da Deputación. Esta situación impediu que as obras comezasen e o contrato foi resolto en 2008.

O actual goberno provincial decidiu recuperar agora a iniciativa para impulsar unha infraestrutura que facilitaría a conexión do parque empresarial cunha vía de maior capacidade e que permitiría mellorar os accesos para as empresas instaladas no polígono.

0.15745401382446