Xove renovará a área recreativa de Vilachá para mellorar a súa imaxe e funcionalidade

AMariñaXa
O Concello investirá máis de 18.000 euros na substitución do peche perimetral e na reposición de mobiliario urbano nun espazo moi frecuentado
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
22 Jul 2026

O Concello de Xove acometerá nas próximas semanas a renovación da área recreativa de Vilachá cunha actuación destinada a mellorar tanto a seguridade como a imaxe deste espazo de lecer, que presenta un importante deterioro debido ao paso do tempo. O proxecto contará cun investimento de 18.062,88 euros, financiado a través dunha axuda concedida por Turismo de Galicia.

Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove, sinala que a intervención centrarase principalmente na substitución do peche perimetral da área, situado moi preto do núcleo urbano de Vilachá e nun punto de paso habitual para as persoas que percorren o itinerario cara ao faro da Roncadoira. O obxectivo é ofrecer unhas instalacións máis coidadas e resistentes para veciños e visitantes.

Os traballos contemplan a renovación de arredor de 50 metros de valado en dous dos laterais do recinto. O peche actual será substituído por un novo elaborado en plástico reciclado con acabado que imita a madeira, un material que require menos mantemento e ofrece unha maior resistencia fronte ás condicións meteorolóxicas e ao desgaste provocado polo uso continuado.

A actuación incluirá tamén a reposición de parte do mobiliario urbano deteriorado, coa instalación de dúas mesas e novas papeleiras que substituirán ás existentes, debido ao seu avanzado estado de desgaste.

Segundo o rexedor, Demetrio Salgueiro, o prazo de execución establece que a intervención deberá estar completamente rematada antes do vindeiro 3 de novembro.

Con esta mellora, o Goberno local busca recuperar as condicións dun espazo recreativo moi utilizado tanto pola veciñanza como polas persoas que visitan esta contorna costeira, reforzando ao mesmo tempo a conservación dun enclave situado nun dos accesos ao coñecido faro da Roncadoira.

0.11868000030518