Xove renova a sinalización viaria do núcleo urbano e dos principais accesos

AMariñaXa
Os traballos chegaron ao centro urbano, aos accesos á vila e a puntos como o Centro de Saúde, o CEIP Pedro Caselles Rollán e a Urbanización Palmeiro
_renovar-a-sinalización-horizontal-Xove-2026
17 Sep 2026

O Concello de Xove está a completar unha renovación da sinalización viaria en diferentes puntos do municipio, unha actuación valorada en máis de 45.500 euros coa que busca reforzar a seguridade de vehículos e peóns, ordenar a circulación e mellorar a distribución dos espazos destinados ao estacionamento.

Os traballos abranguen tanto o núcleo urbano como varias das principais vías de acceso á vila e inciden especialmente en tres puntos nos que se consideraba necesario reorganizar a convivencia entre tráfico, peóns e aparcadoiros: a contorna do Centro de Saúde, o CEIP Pedro Caselles Rollán e a Urbanización Palmeiro.

Unha primeira fase centrouse no repintado da sinalización horizontal do casco urbano. Renováronse os pasos de peóns, as prazas de estacionamento accesible, as zonas de carga e descarga e o resto de espazos reservados existentes.

A intervención estendeuse posteriormente ás vías urbanas e periurbanas que comunican co núcleo de Xove. Actuouse na rúa Dr. José Baamonde Illade, no seu tramo urbano; na LU-P-2604 ao seu paso polo barrio de Lamaboa; na rúa de acceso ao Campo de Fútbol ata Ancil; e na conexión desde Regosangüento coa LU-862. Nestes puntos repintáronse principalmente as delimitacións dos carrís e o resto da sinalización horizontal.

Reorganización do aparcadoiro do Centro de Saúde

Unha parte destacada do proxecto desenvolveuse no aparcadoiro situado xunto ao Centro de Saúde, onde se redeseñou a distribución para ordenar os movementos dos vehículos e aproveitar mellor o espazo dispoñible.

Delimitáronse os carrís interiores de circulación e as prazas individuais de estacionamento, ademais dos pasos peonís, as zonas reservadas para contedores, o espazo destinado á Garda Civil e as prazas accesibles. Tamén se pintaron as correspondentes indicacións de STOP e incorporouse sinalización vertical para marcar direccións prohibidas e estacionamentos accesibles.

Na contorna do CEIP Pedro Caselles Rollán, concretamente no tramo da rúa Acceso ao Grupo Escolar situado fronte ao centro, revisouse e completouse a sinalización horizontal. A finalidade é facilitar unha circulación máis ordenada, especialmente nos momentos de entrada e saída do alumnado, cando se produce unha maior concentración de vehículos e peóns.

Novas prazas accesibles en Palmeiro

A terceira zona na que se realizou unha reorganización específica foi a Urbanización Palmeiro. Neste punto redefiniuse a circulación interior de vehículos e peóns e delimitáronse as áreas destinadas ao estacionamento, incluíndo a creación das prazas accesibles consideradas necesarias.

Nos tres espazos prioritarios renováronse ou modificáronse pasos de peóns, zonas reservadas para autobuses e contedores, prazas accesibles e marcas de STOP, dirección e limitación de velocidade. Estas medidas completáronse coa colocación de nova sinalización vertical.

A actuación forma parte dun convenio entre o Concello de Xove e a Consellería de Industria e foi executada pola empresa GCS, cun investimento superior aos 45.500 euros.

Os traballos municipais coincidiron ademais coa renovación da pintura da sinalización horizontal realizada polo Goberno autonómico na Avenida Deputación, a principal arteria que atravesa a vila. Coa suma de ambas intervencións, queda renovada a sinalización horizontal do conxunto do núcleo urbano de Xove.

0.14414501190186