Xove recupera case dous quilómetros da senda que une Vilachá co miradoiro de Punta da Mansa

AMariñaXa
A actuación, cun investimento de máis de 21.500 euros, mellora o firme e a seguridade do acceso a este enclave costeiro, situado na Ruta da Costa
XOVE senda que Vilachá - miradoiro de Punta da Mansa
29 Oct 2026

O Concello de Xove acometeu a mellora de preto de dous quilómetros da senda que conecta Vilachá, na parroquia de Portocelo, co miradoiro de Punta da Mansa, unha infraestrutura turística recentemente construída. Os traballos buscan facilitar o acceso a este espazo natural tanto a pé como en vehículo, atendendo así unha demanda da veciñanza.

A intervención abrangue un percorrido de aproximadamente 1.980 metros que presentaba un notable deterioro. As actuacións centráronse na limpeza das cunetas, na retirada dos sedimentos e da vexetación acumulados nas marxes e na reparación do firme nos tramos máis afectados.

Con estas melloras, o Goberno local pretende incrementar a seguridade e a accesibilidade deste itinerario, situado nun punto estratéxico da Ruta da Costa, e facilitar a chegada a un enclave de especial interese paisaxístico.

A obra foi adxudicada por un importe de 21.525,78 euros. O proxecto conta cunha subvención do 80 % do custo total, equivalente a 17.220,62 euros, procedente dunha liña de axudas destinada a impulsar solucións baseadas na natureza para previr riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. Estas achegas tamén contemplan actuacións para identificar e acondicionar refuxios climáticos para a biodiversidade.

A recuperación da senda forma parte dos traballos municipais para mellorar as infraestruturas e poñer en valor os recursos naturais de Xove. Ademais de reforzar a conexión entre os núcleos rurais e o litoral, a actuación busca favorecer as actividades ao aire libre e potenciar o atractivo turístico do miradoiro de Punta da Mansa.

0.14279699325562