Xove prepárase para acoller a sétima edición do Costa Trail cun completo programa deportivo

O municipio de Xove converterase durante a primeira fin de semana de maio nun punto de referencia para os amantes do deporte ao aire libre coa celebración do VII Xove Costa Trail. O evento, organizado pola A.C.D. Xove co apoio principal do Concello, desenvolverase ao longo de tres xornadas nas que se mesturarán competición, natureza e convivencia.
A programación arrincará o venres 1 de maio cunha andaina dirixida a todas aquelas persoas que desexen gozar da contorna dun xeito máis pausado, priorizando o contacto coa paisaxe. Ao día seguinte, o sábado 2, será a quenda das máis pequenas e pequenos coa carreira infantil, unha actividade pensada para fomentar a práctica deportiva desde idades temperás.
O domingo 3 de maio concentrará o momento máis destacado da fin de semana coa disputa das probas principais do trail. Nesta edición, as persoas participantes poderán escoller entre tres percorridos de distinta dificultade: 37, 21 e 10 quilómetros, adaptándose así a diferentes niveis de preparación e experiencia.
O Xove Costa Trail nace coa intención de promover hábitos saudables e poñer en valor o patrimonio natural do municipio, cun trazado que combina mar, monte e sendeiros, ofrecendo unha experiencia deportiva singular nun entorno privilexiado.
Desde a organización, tanto a A.C.D. Xove como o Concello, animan á veciñanza e aos visitantes a sumarse a esta proposta, que ademais de fomentar o deporte contribúe á dinamización social e turística da localidade.
As inscricións permanecerán abertas ata o domingo 26 de abril ás 24.00 horas, polo que desde o comité organizador lembran a importancia de formalizar a participación dentro do prazo establecido.