Xove organiza unha charla para familias sobre a prevención do acoso entre iguais

AMariñaXa
A pedagoga Carolina García Chico impartirá a sesión o 25 de novembro ás 19.00 horas no Concello, con inscrición previa nos Servizos Sociais
escola-infantil-nenos-pintando
18 Nov 2026

O Concello de Xove celebrará o vindeiro mércores 25 de novembro un encontro dirixido ás familias para abordar a prevención do acoso entre iguais e ofrecer ferramentas que permitan fomentar relacións máis saudables, respectuosas e seguras desde a infancia.

A sesión terá lugar ás 19.00 horas nas dependencias municipais e estará impartida por Carolina García Chico, pedagoga especialista de Educando en Familia. Durante a charla trataranse diferentes aspectos relacionados co acoso, desde a identificación dos primeiros sinais de alerta ata a importancia que teñen os grupos de iguais nestas situacións.

Tamén se analizará como traballar valores como a empatía, o respecto e a responsabilidade, así como o papel que poden desempeñar as familias cando aparecen conflitos ou posibles situacións de acoso. Outro dos puntos será a maneira de acompañar tanto ás persoas que sofren estas condutas como a quen as presencia ou participa nelas.

A actividade pretende achegar orientación ás familias para detectar posibles problemas a tempo e saber como actuar ante eles, promovendo unha convivencia baseada no respecto desde as primeiras etapas da vida.

As persoas interesadas deberán realizar unha inscrición previa no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Xove. Poderán facelo nas oficinas municipais, a través do correo electrónico servicios.sociales@xove.es ou chamando ao teléfono 982 592 001.

O encontro está organizado por Educando en Familia e promovido e financiado polo Concello de Xove, a través do seu Departamento de Servizos Sociais.

⇒PODES LER A REPORTAXE COMPLETA SOBRE EDUCANDO EN FAMILIA

 

0.16314792633057