Educando en Familia, quince anos facendo máis doado o difícil oficio de criar

Por Ana Somoza.
Educando en Familia leva quince anos acompañando nais, pais e crianzas nun camiño no que as necesidades foron mudando ao mesmo ritmo que a propia sociedade. O programa, que naceu cunha clara vocación socioeducativa, foi adaptándose a novas formas de crianza, á escolarización cada vez máis temperá e ás preocupacións que aparecen nos primeiros anos de vida. Agora dá un paso máis coa creación dun Servizo de Acompañamento Psicopedagóxico, pensado para ofrecer ás familias un lugar próximo ao que acudir cando xorden dúbidas sobre o desenvolvemento, a aprendizaxe ou o comportamento dos seus fillos e fillas.
Dúas voces permiten achegarse tanto ao pasado como ao futuro do proxecto. Encarna, mestra e a persoa que leva máis tempo vinculada á organización, repasa a transformación experimentada durante estes anos e as necesidades que observa entre as familias. Pola súa banda, Carolina, encargada de poñer en marcha o novo Servizo de Acompañamento Psicopedagóxico, explica os obxectivos dun recurso que nace precisamente da experiencia acumulada e das preocupacións que foron detectando no contacto diario cos fogares.
15 ANOS
Encarna coñece ben esa evolución. Traballa desde 1990 no ámbito socioeducativo coas familias da Mariña e lembra que Educando en Familia se constituíu hai quince anos. Desde entón desenvolve un labor de acompañamento socioeducativo na Mariña e na Terra Chá, ao que se engaden os Espazos Educativos no centro penitenciario de Teixeiro.
A realidade coa que se atopan hoxe é diferente á daqueles primeiros anos. Encarna explica que se produciron "cambios significativos", especialmente porque os nenos e nenas de cero a seis anos están escolarizados e a oferta educativa é maior. Esa transformación obrigou tamén o programa a evolucionar e adaptarse ás novas circunstancias sociais.
Actualmente, Educando en Familia está presente en todos os concellos da Mariña e a participación varía en cada curso, aínda que só nesta comarca rolda as 260 familias de maneira presencial. A proposta amplía o seu alcance mediante unha páxina web que permite achegar os seus contidos a aquelas persoas que, por diferentes circunstancias, non poden asistir aos espazos que se organizan nos centros educativos.
CRIANZA
Pero, máis alá das cifras, Encarna sitúa unha das claves do programa nas preguntas que continúan facéndose nais e pais. As familias demandan principalmente pautas de crianza que lles permitan comprender a etapa evolutiva dos seus fillos e ofrecerlles unha resposta axeitada.
Un dos aspectos nos que máis profundizan é a relación entre aprendizaxe e emocións. "As crianzas emocionalmente estables aprenden con moita maior facilidade", explica Encarna, que sitúa o obxectivo en favorecer "nenos e nenas seguros e equilibrados". Ese proceso, lembra, comeza moito antes de entrar na etapa escolar.
Tamén cambiaron as preocupacións. A experiencia destes anos permítelle observar unha sociedade cun elevado nivel de estrés, especialmente polas dificultades de conciliación. Ao mesmo tempo, percibe unha boa implicación das familias nas tarefas de coidado e nas rutinas dos primeiros anos.
Entre as cuestións que máis inquietan actualmente aparece a adaptación escolar. Os cambios rápidos que experimentan os pequenos no cerebro e na conduta fan que nais e pais cuestionen con frecuencia o seu propio papel: "se o estarán facendo ben, se serán moi permisivos...". É nese punto onde Encarna sitúa unha das funcións fundamentais de Educando en Familia: "guiar, orientar neste proceso de educar".
O feito de desenvolver os Espazos Educativos nos propios centros escolares contribúe, ademais, a que as crianzas realicen unha adaptación progresiva ao colexio no que serán ou xa están escolarizadas. Esa familiaridade, segundo explica, dálles unha maior seguridade para participar nas actividades e propostas educativas.
Para Encarna, unha das maiores satisfaccións chega cando comproba a pegada que deixou o programa. Nos últimos anos comezou a atoparse con nais e pais que no seu día participaron como nenos nos Espazos Educativos e que agora queren ofrecerlles esa mesma experiencia aos seus fillos. As familias valoran especialmente os encontros semanais nos que poden relacionarse coa crianza "con calma e dedicación exclusiva", pero tamén o contacto con outros adultos que atravesan situacións e preocupacións similares. En moitos casos, esas relacións acaban converténdose en amizades que perduran durante toda a etapa escolar.
"A detección temperá non significa poñer etiquetas, senón observar, comprender e intervir cando é necesario"
NOVO SERVIZO
É precisamente a experiencia directa coas familias a que está detrás do seguinte paso do programa. Carolina explica que o Servizo de Acompañamento Psicopedagóxico nace da necesidade de contar cun espazo ao que acudir cando aparecen dúbidas relacionadas co desenvolvemento, a aprendizaxe ou o comportamento.
Con frecuencia, relata, as familias perciben que "algo non vai como esperaban", pero non saben exactamente que sucede, a quen deben dirixirse ou mesmo se é demasiado cedo para consultar. O novo recurso quere cubrir ese baleiro mediante unha "primeira orientación profesional, próxima e accesible", que permita analizar cada situación e decidir posteriormente os pasos máis axeitados.
A atención será individualizada e comezará cunha primeira entrevista para coñecer a preocupación existente e recompilar información sobre o neno ou nena. A partir de aí, Carolina explica que se poderá realizar unha valoración máis específica, ofrecer pautas, facer un seguimento durante varias sesións ou recomendar, cando sexa necesario, acudir a outros profesionais ou servizos especializados.
A intención é que sexa un recurso práctico. "Pretendemos que as familias non reciban simplemente unha valoración, senón tamén orientación sobre que poden facer no día a día", sinala Carolina. O servizo estará presente nos concellos nos que traballa Educando en Familia na Mariña Oriental e Occidental, ademais da Terra Chá e a prisión de Teixeiro, buscando facilitar o acceso preto do lugar de residencia.
DETECCIÓN
Non existe, segundo Carolina, un momento concreto no que unha familia deba pedir axuda nin unha lista pechada de sinais de alerta. Unha preocupación que se manteña no tempo ou unha dificultade que comece a interferir no benestar ou na vida diaria do menor pode ser suficiente para realizar unha consulta.
Entre as situacións que poden chamar a atención cita dificultades persistentes na linguaxe, lectura ou escritura, problemas para manter a atención, impulsividade, problemas importantes para relacionarse ou unha grande rixidez ante os cambios. Tamén poden aparecer preocupacións arredor do desenvolvemento emocional ou casos de nenos que aprenden moi rápido pero non atopan unha resposta adecuada ás súas necesidades.
Carolina concede, ademais, un valor especial á intuición dos propios pais: "Son quen mellor coñece aos seus fillos/as". Por iso considera que, cando unha nai ou un pai mantén unha preocupación de maneira continuada, esa inquietude xa constitúe unha razón suficiente para consultar.
A detección temperá será unha das bases do servizo, pero Carolina insiste en afastala da idea de etiquetar os menores. "A detección temperá non significa poñer etiquetas nin buscar diagnósticos de maneira precipitada. Significa observar, comprender e intervir cando é necesario". Actuar pronto pode permitir que unha pequena dificultade se resolva ou compense con pautas relativamente sinxelas antes de que termine repercutindo na aprendizaxe, na autoestima ou nas relacións cos demais.
"Entre consultar e quedar coa preocupación, sempre é mellor poder falar, valorar a situación e decidir con información"
ACOMPAÑAR
O servizo abordará cuestións relacionadas coa aprendizaxe, a linguaxe e a comunicación, a atención, o comportamento ou o desenvolvemento socioemocional, ademais de perfís como TDAH, TEA ou altas capacidades, sempre desde unha perspectiva psicoeducativa e non sanitaria. "Non todos os casos necesitan o mesmo nin todos requiren unha intervención prolongada", puntualiza Carolina.
Tampouco será necesario contar cun diagnóstico para acudir. De feito, unha das principais finalidades é poder facelo antes. Hai familias que só necesitan "resolver unha dúbida, contrastar unha preocupación ou recibir orientación". Nalgúns casos unha única consulta pode servir para comprender mellor o que sucede e ofrecer pautas; noutros, esa primeira conversa pode indicar a conveniencia de realizar unha valoración máis profunda.
A coordinación cos colexios, os profesionais sanitarios ou outros especialistas será igualmente importante. Sempre coa autorización familiar, o servizo poderá contactar cos centros educativos ou con outros profesionais cando esa comunicación permita ofrecer unha resposta máis coherente. Carolina deixa claro que o seu papel "non pretende substituír ao sistema educativo nin aos servizos sanitarios", senón complementar o seu traballo e axudar tamén ás familias a ordenar a información e comprender cal pode ser o seguinte paso.
Mentres abre esta nova etapa, Educando en Familia mira tamén cara ao futuro. Encarna avanza que un dos retos máis inmediatos é conseguir organizar un congreso de ámbito provincial no que diferentes expertos en materia educativa poidan trasladar as súas experiencias ás familias e profesionais da contorna.
Quince anos despois do seu nacemento, o proxecto mantén así unha mesma idea de fondo: acompañar sen xulgar, orientar e ofrecer ás familias ferramentas para afrontar unha etapa na que as dúbidas forman parte do propio proceso de educar. Carolina resume esa filosofía cunha mensaxe especialmente dirixida a quen aínda non sabe se aquilo que lle preocupa é suficiente para pedir axuda: "Entre consultar e quedar coa preocupación, sempre é mellor poder falar, valorar a situación e decidir con información".