Xove convértese na sede da primeira Celtic Cup U17 de fútbol gaélico tras o cambio obrigado pola calor

Xove converterase este sábado 4 de xullo no epicentro do fútbol gaélico de base coa celebración da primeira edición da Celtic Cup U17, un torneo internacional que nace coa vocación de impulsar o crecemento desta modalidade deportiva entre as novas xeracións.
A competición estaba prevista inicialmente en Santiago de Compostela, pero a declaración dunha alerta vermella por altas temperaturas obrigou á Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) a trasladar o evento ao municipio lucense. Mentres a capital galega podería alcanzar os 38 graos, Xove ofrecerá unhas condicións moito máis favorables para a práctica deportiva, con máximas previstas de arredor de 23 graos grazas á influencia da costa.
Desde a AGFG agradeceron ao Concello de Xove e á Unión Deportiva Xove Lago a súa rápida resposta para facer posible o cambio de sede con apenas uns días de marxe. A entidade destacou a colaboración recibida para afrontar un importante reto organizativo e garantir o desenvolvemento da competición.
A Celtic Cup U17 representa un novo paso no traballo que a Asociación Galega de Fútbol Gaélico está a desenvolver nas categorías inferiores a través das Gaélico Escolas PuntoGal. Moitos dos xogadores e xogadoras que competirán este sábado xa participaron nas últimas edicións da Copa Galega cadete, polo que este campionato supón unha continuidade natural do proxecto de formación que busca consolidar unha canteira sólida e favorecer o aumento de licenzas nos próximos anos.
O torneo contará coa participación das seleccións galegas e dos combinados nacionais de Francia e Alemaña, aos que se sumarán históricos clubs irlandeses como St Michael's GAC, Naomh Pádraig GAC, St Sylvester's, Kilmacud Crokes, Skerries Harps e Na Piarsaigh Doiretrasna. A presenza destas entidades reforza o carácter internacional dunha cita que reunirá algunhas das principais promesas do fútbol gaélico europeo.
A competición disputarase de maneira simultánea en dous campos, un de herba natural e outro de herba artificial.
No cadro masculino competirán nove equipos repartidos en tres grupos. Os tres primeiros clasificados e o vencedor dunha eliminatoria entre os dous mellores segundos accederán ás semifinais. Na categoría feminina participarán seis equipos divididos en dous grupos de tres. Os dous mellores de cada grupo disputarán directamente as semifinais para loitar polo título.