Xove completa a renovación da pista polideportiva do parque

O Concello de Xove vén de completar os traballos de rehabilitación e mellora da pista polideportiva situada no parque municipal, unha intervención valorada en 18.000 euros coa que se renovou de maneira integral unha instalación que presentaba un importante desgaste debido ao uso continuado e ao paso do tempo.
As obras permitiron substituír por completo o pavimento deportivo de céspede sintético e instalar novas canastras. Tamén se actuou sobre o peche perimetral e a estrutura que serve de soporte á pista multideportiva 3x3, ademais de mellorar a rede de protección.
O estado que presentaban algúns dos elementos da instalación levou ao Concello a optar por unha rehabilitación integral en lugar de limitar os traballos a unha actuación superficial. O deterioro acumulado pola utilización constante da pista podía supoñer un risco para os usuarios e dificultaba que a actividade deportiva se desenvolvese nas condicións adecuadas de seguridade.
A actuación contou cun orzamento de 18.000 euros e foi financiada ao abeiro dun convenio de subvención directa con fondos procedentes dos ingresos percibidos polo Goberno autonómico a través do Imposto de Compensación Ambiental.
Coa finalización dos traballos, o Concello busca recuperar plenamente este espazo para a práctica deportiva e o lecer e mellorar as condicións de seguridade e calidade das instalacións municipais.
A pista do parque de Xove é empregada de maneira habitual pola veciñanza e, especialmente, pola poboación máis nova, polo que a intervención pretende garantir que os usuarios dispoñan novamente dun espazo renovado e acondicionado para practicar deporte.