Xove busca novas vías de colaboración para reforzar as súas infraestruturas

A Xunta de Galicia e o Concello de Xove avanzan na coordinación de futuras actuacións destinadas á mellora das infraestruturas municipais. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo unha reunión de traballo co alcalde, José Demetrio Salgueiro Rapa, para abordar diferentes iniciativas de interese para o municipio.
O encontro desenvolveuse na sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e contou tamén coa participación do delegado territorial, Alfonso Villares, e do director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro.
Durante a reunión analizáronse distintas vías de colaboración entre ambas administracións para promover actuacións orientadas á mellora das comunicacións e ao reforzo da seguridade viaria, co obxectivo de responder ás necesidades do concello e favorecer unha mobilidade máis segura para a veciñanza.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas incidiu na importancia de manter unha colaboración constante cos concellos para facilitar a execución de proxectos que contribúan a modernizar os servizos públicos e as infraestruturas locais. Neste sentido, a Xunta reafirmou a súa vontade de continuar apoiando aos municipios na posta en marcha de actuacións que repercutan na calidade de vida da cidadanía e que, ao mesmo tempo, favorezan o desenvolvemento económico e a competitividade do territorio.