Xove amplía a súa rede de cardioprotección con tres novos desfibriladores de última xeración

O Concello de Xove deu un novo paso no reforzo da seguridade sanitaria coa incorporación de tres desfibriladores automáticos Mindray de última xeración, unha actuación que permite ampliar a rede municipal de cardioprotección e fortalecer a capacidade de resposta ante posibles paradas cardiorrespiratorias.
Os novos dispositivos instalaranse no Salón de Actos Municipal e no Pavillón Municipal, mentres que o terceiro formarase parte dunha mochila portátil de emerxencias destinada a dar cobertura ás festas, actividades deportivas, eventos culturais e iniciativas que se desenvolvan nas distintas parroquias do municipio.
Xunto aos desfibriladores, o Concello adquiriu tamén dúas bolsas de intervención equipadas con parches e mascarillas, co obxectivo de facilitar unha actuación inmediata cando se produzan situacións de urxencia.
Con esta incorporación, Xove pasa a contar cun total de cinco desfibriladores repartidos en localizacións estratéxicas, mellorando a cobertura do municipio e reducindo os tempos de resposta nos primeiros minutos dunha emerxencia, un factor determinante para incrementar as posibilidades de supervivencia.
O Goberno local destaca que este investimento forma parte dunha estratexia máis ampla orientada á protección da saúde pública. Neste sentido, anuncia que continuará promovendo accións formativas dirixidas a asociacións, clubs deportivos e outros colectivos, coa finalidade de que un maior número de persoas saiba como actuar ante unha parada cardiorrespiratoria ata a chegada dos servizos de emerxencia.
Desde o Concello subliñan que seguir ampliando os recursos e a preparación da cidadanía contribúe a facer de Xove un municipio máis seguro e mellor preparado para afrontar situacións críticas, reafirmando o seu compromiso co benestar e a protección da veciñanza.