Viveiro remata a mellora das infraestruturas do parque empresarial de Landrove

O Concello de Viveiro recibiu as obras de mellora das infraestruturas do parque empresarial de Landrove, unha vez concluídos os traballos previstos para acondicionar os accesos e renovar diferentes elementos comúns deste espazo industrial. A intervención contou cun orzamento subvencionable de 118.308,20 euros, financiado a través da liña de axudas da Xunta de Galicia destinada á habilitación e mellora dos parques empresariais, mediante a Consellería de Economía e Industria.
O proxecto centrouse principalmente na renovación de dous dos viais de acceso ao recinto, cunha lonxitude conxunta aproximada de 332 metros. Nun deles aplicouse aglomerado asfáltico, mentres que no outro se executou un novo pavimento de formigón, co propósito de mellorar as condicións de circulación e facilitar a entrada e saída de vehículos.
A intervención incluíu tamén a renovación da sinalización horizontal e vertical, así como a reparación do pavimento podotáctil situado nos pasos de peóns. Outro dos aspectos abordados foi a drenaxe das augas pluviais, mediante a ampliación da rede de sumidoiros e a instalación de novos elementos para favorecer a evacuación da auga.
Ademais, repuxéronse e sinalizáronse distintos elementos de protección contra incendios e colocáronse sistemas de suxeición para os colectores de residuos.
As actuacións desenvolvéronse no parque empresarial de Landrove, situado nas parroquias de Landrove e Galdo, e teñen como finalidade mellorar a accesibilidade, a seguridade e o mantemento das infraestruturas compartidas polas empresas instaladas neste espazo.