Viveiro prepara un Magosto con artesanía, castañas e música tradicional

AMariñaXa
O Colectivo Pensamento e Sementeira organiza as actividades na praciña da Herba, con talleres de cerámica e zonchos, reparto de castañas asadas e actuacións musicais
Magosto ded Quiroga
30 Oct 2026

A praciña da Herba de Viveiro converterase o sábado 31 de outubro nun punto de encontro para celebrar o outono co Magosto organizado polo Colectivo Pensamento e Sementeira. A proposta combina actividades artesanais, música tradicional e degustación de castañas, cun programa pensado para distintos públicos.

As actividades comezarán pola tarde con dous obradoiros para os que será preciso inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas. O taller de cerámica estará aberto entre as 17.00 e as 21.00 horas e ofrecerá a oportunidade de traballar coa arxila e elaborar creacións propias coa orientación dunha profesional.

Pola súa banda, o obradoiro de zonchos, destinado ao público infantil, celebrarase de 19.30 a 20.30 horas. Durante esta actividade, os nenos e nenas poderán aprender a confeccionar colares con zonchos, unha proposta vinculada ás tradicións propias desta época do ano.

A programación continuará pola noite coa música tradicional en directo. A partir das 21.00 horas está prevista a actuación de diferentes grupos, que poñerán o acompañamento musical a unha celebración na que tamén haberá castañas asadas para repartir entre as persoas asistentes, ata fin de existencias.

As inscricións para os obradoiros deberán realizarse a través dos formularios habilitados para cada actividade. O colectivo organizador anima a participar nesta cita, que pretende manter vivas as tradicións do outono e crear un espazo de convivencia arredor da artesanía, a música e os produtos propios do Magosto.

 

⇒ENTREVISTA

0.14776802062988