Pensamento e Sementeira: "Queremos dinamizar a vida cultural e social de Viveiro”

AMariñaXa
A asociación renova enerxías e estrea etapa baixo unha nova directiva que aposta por un programa diverso con concertos, foliadas, andainas ou actividades deportivas
pensamento_e_sementeira
11 Aug 2024

Lucía Blanco

Dinamizar a vida cultural de Viveiro e crear espazos de lecer. Baixo estas premisas traballa a directiva de Pensamento e Sementeira, encabezada por Xiana Naval como presidenta, que renova as súas enerxías para asegurar o futuro do colectivo. “Quixemos dar un paso adiante e colaborar en crear ese tecido asociativo e esa rede de actividades culturais na vila”, conta Beltrán, vogal do colectivo. O seu símbolo, a flor, xa revela a súa pretensión pois tenta representar un pensamento e a xerminación dunha semente para trasladar o renacer desta asociación que mantén a súa esencia.

Pensamento e Sementeira nace no 2013, aínda que levaba un tempo parada. Como se fraguou este novo comezo?

O actual colectivo nace no 2013, aínda que é certo que existira unha asociación chamada Sementeira que viña funcionada nos anos 70. Ata fai un par de anos levábaa outra xunta directiva que fixo moitas actividades ao longo da ultima década, pero quería dar paso a outra xente para renovar e darlle impulso á asociación.

Por que deciden tomar as rendas?

Queremos dinamizar a vida cultural e social de Viveiro e crear espazos de lecer nos que poidamos acceder a distintas formas de expresión cultural e actividades onde a xente reúna e desfrute en torno a cultura. Cremos que en Viveiro hai público e hai interese neste tipo de actividades, nós mesmo somos os primeiros interesados en que se organicen.

Hai relevo xeracional?
Temos un grupo de traballo activo no que somos arredor de 15 e na nova directiva, que está formada por 6 persoas, hai un peso importante de xente nova entre os 20 e os 30 anos.

Detectan unha falta de actividades no municipio?

É certo que hai asociacións culturais que fan propostas moi interesantes e que existe unha demanda por parte da veciñanza. O que pode faltar é tecer alianzas entre as diferentes asociacións e persoas e organizar citas nas que poder xuntarse. Dámonos de conta de que hai xente interesada en participar, entón é unha boa oportunidade para fortalecer unha rede de colaboración e de contribuír a compartir espazos.

Tamén é un xeito de involucrar á veciñanza.

Nós concibimos a cultura como unha forma de expresión popular que se desenvolve coa participación cidadá e sen ela non é posible. Quizais en vilas de tamaño medio como Viveiro é necesario que a xente nos involucremos para dinamizar, porque aínda que as institucións e as administracións teñen o seu papel relevante, tamén é necesario darlle protagonismo á xente e ser a cidadanía os que nos encarguemos de propoñer ideas.

Estrearon etapa coa Foliada de Maio na que participaron asociacións culturais e grupos de música tradicional de Viveiro e doutros puntos da Mariña. Superou as expectativas?

Cremos que foi todo un éxito. En primeiro lugar, porque as asociacións coas que contactamos mostráronse moi dispostas a participar e involucráronse e logo o propio día xerouse un clima de fraternidade e diversión moi enriquecedor. Asistiu moita xente porque a idea era que participaran da música e do baile e eu creo que o conseguimos. Foi unha boa carta de presentación da nova xunta directiva.

Esa boa acollida anima a continuar traballando.

Organizar as propostas costa traballo, pero cando sae ben merece a pena. Nós somos os primeiros que desfrutamos da actividade e se conseguimos que a xente desfrute e se involucre supón unha dobre satisfacción e dá ánimos para programar máis para os próximos meses.

Por que tipo de propostas apostan?

Queremos ter un programa de actividades diverso e facer dende facer concertos e foliadas, pasando por andainas ou actividades deportivas, que tamén son unha forma de expresión cultural na que se involucran moito. Por outra banda, pretendemos organizar charlas, obradoiros ou debates en torno a asuntos de actualidade sobre os que a xente quere estar informada ou dar a súa opinión.

Que papel xogan as tradicións no seu programa?

Como actividades importantes para nós tamén están todas as relacionadas coa recuperación de tradicións que ou se perden ou non teñen o protagonismo que deben de ter. Deste xeito, temos a festa dos maios ou o magosto e outras citas e festas típicas de Viveiro e de Galicia

0.17121481895447