Viveiro dá luz verde á expropiación das parcelas da Xunqueira para evitar inundacións

O Concello de Viveiro deu un paso decisivo no camiño para previr as inundacións na zona da Xunqueira, coa aprobación unánime da expropiación forzosa das parcelas afectadas. Trátase dunha actuación prioritaria no marco do proxecto de mellora das infraestruturas fluviais do río Fontecova, co obxectivo de minimizar o risco de anegamentos que ameazan periodicamente esta contorna urbana.
A sesión plenaria na que se acordou esta medida estivo marcada por cruces de acusacións entre a alcaldesa, Mariña Gueimunde (PP), e a exrexedora María Loureiro (PSOE). Gueimunde destacou que o seu equipo levou a cabo os trámites “en só dous meses”, mentres que Loureiro defendeu que a demora se debeu a un “erro administrativo”, ao desviarse o requirimento de Augas de Galicia, recibido en novembro de 2024, a outros departamentos municipais. A alcaldesa replicou que este feito “demostra a escasa prioridade que o anterior goberno daba a este proxecto e aos veciños da Xunqueira”.
Segundo informou o Concello, a relación de bens e parcelas afectadas será publicada no BOP durante 15 días, e solicitarase á Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública da expropiación, trámite imprescindible para continuar co desenvolvemento da obra.