Viveiro avanza nas obras de mellora da piscina municipal para garantir a súa seguridade e conservación

AMariñaXa
O Concello executa unha nova fase de actuacións centradas na cuberta e no interior da instalación, cun investimento global de máis de 48.000 euros
piscina-viveiro-obras-2026
22 Apr 2026

O Concello de Viveiro continúa a desenvolver traballos de mellora, mantemento e conservación na piscina municipal, dando continuidade ás intervencións realizadas a finais do pasado ano co obxectivo de asegurar o bo funcionamento e a seguridade deste equipamento deportivo.

A instalación, inaugurada en 1999, ten sido obxecto de distintas actuacións ao longo do tempo, aínda que o paso dos anos e a exposición constante á humidade, aos produtos químicos empregados no tratamento da auga, ás variacións de temperatura e ás condicións meteorolóxicas adversas foron provocando un desgaste progresivo en diferentes elementos estruturais.

As obras que se están a executar nestas semanas céntranse especialmente no interior do edificio e na cuberta dos vasos da piscina, ao tratarse das zonas onde se detectaron maiores danos. En concreto, estanse a levar a cabo reparacións na cuberta, nas albardillas e nos canelóns, elementos que estaban a causar problemas interiores como desprendementos no falso teito e danos nos revestimentos da zona dos vasos.

Desde o Concello explican que estas actuacións buscan non só reparar as deficiencias existentes, senón tamén evitar que se agraven co tempo, garantindo así unhas condicións axeitadas de salubridade, eficiencia e seguridade para os usuarios dunha instalación moi utilizada pola veciñanza.

O investimento total destinado ao conxunto das obras realizadas a finais de 2025 e ás que se están a executar actualmente ascende a 48.324,48 euros, unha cifra coa que o goberno local pretende asegurar a conservación dun dos principais espazos deportivos do municipio.

0.11601305007935