Viveiro acolle un torneo recreativo de bádminton para as categorías de base

O pavillón Antonio Tarrio de Viveiro converterase este sábado 14 nun punto de encontro para o bádminton base coa celebración dun torneo recreativo dirixido ás categorías inferiores. A cita está organizada polo Club Bádminton O Cembedo en colaboración coa Federación Galega de Bádminton e contará coa participación de 55 rapaces e rapazas procedentes de distintos puntos de Galicia.
Ao longo da xornada, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 18.00 horas, os asistentes poderán gozar dunha intensa actividade deportiva na que se darán cita xogadores e xogadoras das categorías sub-11, sub-13, sub-15, sub-17 e sub-19. O obxectivo do torneo é fomentar a práctica do bádminton entre a mocidade, promovendo valores como o compañeirismo, o respecto e o gusto polo deporte.
Desde o Club Bádminton O Cembedo animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas a achegarse ao pavillón para apoiar ás novas promesas do bádminton galego e desfrutar dunha xornada deportiva aberta ao público, pensada tanto para participantes como para espectadores.