Viveiro abre o camiño para regular a pirotecnia sonora e avanzar nunha ordenanza contra o ruído

O Concello de Viveiro avanzará na regulación do ruído a través de dúas iniciativas abordadas no último pleno municipal. A Corporación apoiou por unanimidade a moción do PSOE para estudar unhas normas específicas sobre o uso da pirotecnia sonora e acordou tamén iniciar os traballos para elaborar unha ordenanza de contaminación acústica, neste último caso coa abstención do PP.
A primeira iniciativa busca reducir o impacto das bombas de palenque e doutros elementos pirotécnicos sobre persoas especialmente sensibles aos ruídos intensos e inesperados, entre elas menores, persoas neurodiverxentes ou con sensibilidade sensorial, así como sobre os animais.
A proposta socialista parte da premisa de que "regular non significa prohibir", senón establecer regras coñecidas para compatibilizar as celebracións tradicionais co benestar da poboación. Entre as cuestións que se poderán analizar figuran os horarios, a duración e frecuencia das tiradas, o número de bombas, os lugares de lanzamento ou os mecanismos para informar previamente á veciñanza.
A portavoz socialista, María Loureiro, xa defendía antes do pleno que "a sociedade evoluciona e as administracións tamén temos que saber adaptarnos", incidindo en que o obxectivo non pasa por cuestionar as festas, senón por buscar unha fórmula que permita conciliar tradición e descanso.
UN TRABALLO CONXUNTO. Durante o debate, a alcaldesa, Mariña Gueimunde, lembrou que actualmente xa é necesario solicitar autorización para o lanzamento de bombas de palenque. O PP propuxo estudar a incorporación dunha regulación específica sobre pirotecnia dentro dunha ordenanza municipal, despois de abordar a cuestión nunha mesa de traballo na que participen tamén as comisións de festas.
O BNG considerou que o máis axeitado sería contar cunha ordenanza complementaria e mostrouse favorable á creación dun grupo ou comisión que analice as distintas posibilidades antes de redactar unha proposta.
Por Viveiro incidiu especialmente na importancia de establecer mecanismos de aviso para que as familias con nenos ou persoas ás que o ruído da pirotecnia pode provocar unha crise poidan coñecer previamente cando se producirán os lanzamentos.
Esta información previa é tamén unha das medidas recollidas na proposta socialista, que contempla que o Concello coñeza con antelación onde e cando se empregará pirotecnia sonora e que os futuros criterios sexan iguais para todo o municipio.
CONTAMINACIÓN ACÚSTICA. O pleno abordou ademais unha segunda moción para impulsar unha ordenanza municipal contra a contaminación acústica. A iniciativa saíu adiante co apoio do resto da Corporación e a abstención do PP.
O acordo contempla iniciar os traballos para redactar a normativa e abrir o proceso á participación pública. A proposta establece como referencia que o borrador poida chegar ao pleno para a súa aprobación inicial nun prazo máximo de seis meses, aínda que este período se formula de maneira orientativa coa intención de alcanzar un consenso canto antes.
A futura regulación deberá procurar un equilibrio entre o dereito ao descanso da veciñanza e o desenvolvemento da actividade hostaleira, cultural e de lecer. Deste xeito, Viveiro inicia o camiño para dotarse dun marco máis amplo sobre o ruído ao mesmo tempo que aborda especificamente unha das cuestións que máis debate xerou nos últimos meses: o impacto acústico da pirotecnia.