O PSOE de Viveiro leva ao pleno unha proposta para regular o uso da pirotecnia sonora

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro levará ao pleno unha moción para avanzar cara a unha regulación do uso das bombas de palenque e do resto da pirotecnia sonora no municipio. A proposta non busca prohibir estes elementos tradicionais nas celebracións, senón establecer unhas normas comúns que permitan compatibilizar as festas co descanso da veciñanza e co benestar das persoas e dos animais.
A iniciativa chega despois dun verán no que, segundo os socialistas, as celebracións desenvolvidas tanto no casco urbano como nas parroquias volveron poñer de manifesto a necesidade de ordenar este tipo de lanzamentos. O PSOE sinala que actualmente poden producirse tiradas sen unha regulación municipal específica sobre horarios, duración ou frecuencia e, nalgúns casos, sen que o propio Concello teña coñecemento previo.
A formación considera que a sensibilidade social arredor dos efectos provocados polos ruídos intensos, repetitivos e inesperados aumentou considerablemente nos últimos anos. Entre as persoas especialmente afectadas sitúa os nenos e nenas, persoas neurodiverxentes ou con sensibilidade sensorial, entre elas aquelas con trastorno do espectro autista (TEA), así como persoas maiores ou enfermas.
As consecuencias sobre os animais constitúen outro dos argumentos da proposta. Os socialistas recollen a preocupación trasladada por propietarios ante o medo, o estrés ou a desorientación que poden provocar as detonacións en animais domésticos, gando e fauna, chegando mesmo a ocasionar fugas.
A portavoz socialista e exalcaldesa, María Loureiro, recoñece que esta regulación tampouco foi abordada durante os anos nos que o PSOE estivo á fronte do Concello. “Somos conscientes diso e dicímolo con claridade. Nós tampouco regulamos esta cuestión cando gobernamos”, admite. Con todo, defende que as demandas sociais mudaron e considera que chegou o momento de afrontar o asunto.
“A sociedade evoluciona e as administracións tamén temos que saber adaptarnos. Non se trata de cuestionar as nosas festas nin as nosas tradicións, senón de escoitar unha demanda que cada vez está máis presente e buscar unha maneira razoable de compatibilizar ambas cousas”, explica Loureiro.
A moción aposta por establecer un sistema que permita ao Concello coñecer previamente onde e cando se utilizará pirotecnia sonora. Entre as cuestións que se estudarían estarían os horarios permitidos, a duración e frecuencia das tiradas, o número de bombas, os lugares habilitados para os lanzamentos e os mecanismos de información previa á veciñanza. Tamén se propón analizar alternativas cun menor impacto acústico sempre que resulte posible.
“Non parece razoable que se poidan lanzar bombas de palenque sen que o propio Concello saiba previamente cando, onde ou durante canto tempo se van lanzar”, sostén Loureiro, que defende a existencia dunha autorización ou comunicación previa e dunhas regras iguais para todo o municipio.
Para elaborar esa futura normativa, o PSOE propón constituír un grupo ou comisión de traballo no que participen os grupos políticos da Corporación e os servizos técnicos e xurídicos municipais. O obxectivo sería estudar as posibilidades existentes e redactar unha proposta viable e adaptada á normativa vixente.
Unha vez preparado un primeiro documento, os socialistas queren trasladalo a colectivos relacionados coa neurodiverxencia e a diversidade sensorial, así como ás entidades de protección animal, para que poidan realizar achegas antes da aprobación definitiva.
O PSOE insiste en separar a regulación dunha eventual prohibición e reivindica a posibilidade de conservar as tradicións establecendo ao mesmo tempo límites que reduzan as molestias. “Regular non significa prohibir. Significa poñer unhas regras, uns horarios e unhas condicións que todos coñezamos”, conclúe María Loureiro.