Vilalba acolleu a saída da etapa lucense O Gran Camiño

TerraChaXa | AMariñaXa
Participaron no acto a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias
o-gran-camino-vilalba
15 Apr 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participaron no acto de saída da proba ciclista O Gran Camiño. The Historical Route, que se disputa nas catro provincias galegas desde onte e ata o vindeiro sábado.

Arias, que destacou o apoio da Xunta, explicou que supón un escaparate de promoción turística para Galicia e, en concreto, a etapa lucense disputada hoxe axuda a situar á provincia como destino deportivo e de natureza.

Arias desprazouse a Vilalba e Barreiros, que acolleron respectivamente os puntos de saída e meta desta etapa de case 150 quilómetros, e nesta última localidade fixo entrega do maillot amarelo e o trofeo ao líder provisional da clasificación, o portugués Rafael Reis (Anicolor), e puido felicitar ademais ao gañador da etapa, o galego Carlos Canal (Movistar).

Durante a xornada, o pelotón internacional discorreu tamén polos concellos de Muras, Ourol, Viveiro, Xove, Burela, Foz e Ribadeo. O delegado destacou que a retransmisión internacional da carreira tradúcese nun “importante impacto mediático para a Terra Chá e A Mariña, e singularmente para amosar os contrastes paisaxísticos da chaira, a montaña e as praias”.

O Goberno galego colabora co evento a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. “O gran Camiño” arrancou o martes na Coruña e rematará o sábado día 18 no Monte Trega, na Guarda, e conta coa participación dalgúns dos equipos e ciclistas que triunfan na elite mundial deste deporte.

O Goberno nacional colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.

0.14336490631104