Vegadeo mellorará a iluminación en Miou coa reubicación dunha farola

AMariñaXa
Un informe técnico conclúe que o cambio permitirá aumentar a seguridade viaria e mellorar a visibilidade nos accesos ás vivendas sen custo para o Concello
concello-vegadeo
6 Aug 2026

O Concello de Vegadeo prevé actuar na rede de alumeado público do núcleo de Miou para corrixir un problema de iluminación detectado nun dos viarios da localidade. A medida responde ás peticións formuladas por veciños e usuarios da vía, que advertiron da escasa visibilidade existente nun determinado tramo, o que motivou a elaboración dun informe técnico para analizar posibles solucións.

Tras a inspección realizada polo encargado municipal de Obras e pola aparelladora, comprobouse que a distribución das luminarias non era uniforme, xerando unha zona con iluminación insuficiente e outra con exceso de solape entre farois. O estudo conclúe que a mellor alternativa consiste en trasladar unha das luminarias a un poste da compañía eléctrica situado na mesma parcela, a uns vinte metros da súa localización actual.

Segundo o informe, esta modificación permitirá repartir de forma máis equilibrada os puntos de luz, incrementando a iluminación da calzada e dos accesos a varias vivendas que actualmente quedan nunha zona de sombra. Ademais, eliminaranse elementos que provocan un maior impacto visual, como a presenza de dous postes moi próximos entre si e o cruzamento de cables.

A actuación non terá custo para as arcas municipais, xa que será executada pola compañía eléctrica aproveitando os traballos de mantemento que xa ten previstos na zona. O documento técnico conclúe que a reubicación da farois suporá unha mellora tanto para a seguridade viaria como para a calidade do servizo de alumeado no núcleo de Miou.

0.11985993385315