Veciños de Ribadeo denuncian a poda “agresiva” de tres árbores no centro da vila

Veciños de Ribadeo amosaron o seu malestar pola actuación realizada sobre tres árbores do municipio, aos que, segundo denuncian, se lles retirou completamente a copa nunha intervención que consideran “excesiva” e prexudicial para os exemplares.
As críticas centráronse na intensidade da poda, realizada o 15 de xullo, en plena época estival. As persoas que cuestionan a actuación aseguran que non se trata dunha poda de mantemento nin dunha intervención destinada a mellorar a estrutura das árbores, senón dunha “mutilación” que podería comprometer o seu desenvolvemento futuro.
Segundo explican, os exemplares afectados son pradairos común, tamén coñecidos como falsos plátanos ou pradairos sicomoros (Acer pseudoplatanus), unha especie moi utilizada en paseos e avenidas urbanas pola súa capacidade para xerar zonas de sombra e crear espazos máis agradables para a cidadanía.
Os veciños lembran que estes árbores teñen un importante valor ambiental nas zonas urbanas, xa que durante o verán contribúen a reducir as temperaturas e crear pequenos microclimas máis frescos. Ademais, destacan que unha poda adecuada permite controlar o seu crecemento e favorecer formas características, especialmente cando as ramas se entrelazan formando corredores naturais.
PODA EN VERÁN
Un dos principais argumentos das persoas críticas coa actuación é o momento no que se realizou. Segundo sinalan, o mes de xullo non sería a época máis axeitada para unha intervención deste tipo, xa que a árbore atópase nun período de máxima actividade vexetativa.
“A folla é a fábrica de alimento da árbore mediante a fotosíntese”, explican, ao tempo que advirten de que retirar a totalidade da copa limita a capacidade do exemplar para producir nutrientes e pode obrigalo a consumir as súas reservas internas.
Neste sentido, alertan de que unha poda tan intensa pode provocar debilitamento, problemas no sistema radicular e maior vulnerabilidade fronte a enfermidades e pragas. Tamén sinalan que as altas temperaturas propias do verán dificultan a cicatrización dos cortes e incrementan os riscos para a saúde da árbore.
Outro dos veciños afectados pola situación considera que “o que se fixo non é unha poda de saneamento nin unha poda estrutural”, senón “unha decapitación” dos exemplares. Na súa opinión, este tipo de actuacións “poden producir enfermidades e acabar coa vida da árbore”.
VALOR URBANO
Os residentes tamén poñen en valor o papel destes exemplares dentro do espazo urbano de Ribadeo. Lembran que os pradairos comúns son especies habituais en paseos e rúas de numerosas cidades pola súa resistencia e polos beneficios ambientais que achegan.
Segundo indican, cando reciben un tratamento correcto non alcanzan alturas excesivas e permiten compatibilizar a presenza de vexetación coa iluminación e as vivendas próximas. Ademais, destacan que unha poda realizada no momento axeitado pode favorecer que durante o inverno entre máis luz no chan, mantendo ao mesmo tempo o valor ornamental da árbore.
As persoas que trasladaron as súas críticas reclaman que as intervencións sobre o arborado urbano se realicen seguindo criterios técnicos e respectando as necesidades biolóxicas das especies. Ao mesmo tempo, piden que se valore a importancia destes elementos como parte da paisaxe urbana e como aliados fronte ao aumento das temperaturas.