Veciños de Ribadeo alertan do mal estado do arbolado e de varias zonas públicas do municipio


A veciñanza de Ribadeo trasladou ao Concello a súa preocupación polo estado de varias áreas urbanas e periurbanas, onde denuncian tanto a falta de mantemento do arborado como o deterioro xeral de espazos públicos que, segundo indican, levan tempo sen atención axeitada.
Un dos puntos máis sensibles é a presenza de árbores completamente secos en diferentes zonas, que supoñen un risco evidente para a seguridade de peóns e vehículos. Segundo explican varios residentes, na rúa Buenos Aires caeu recentemente unha árbore seca, un feito que reforza a alarma veciñal ante posibles novos incidentes. Tamén sinalan a situación do Parque Municipal, onde aseguran que existen polo menos dúas árbores en estado crítico, con perigo de caída de ramas ou derrube total.
A cidadanía lembra que o coidado do arborado urbano é responsabilidade do consistorio e piden unha revisión técnica inmediata das árbores afectadas. A súa proposta pasa pola retirada dos exemplares perigosos e a súa substitución por outras árbores da mesma especie, co fin de evitar novos riscos. Un veciño relataba ademais que “unha rama de gran tamaño caeu sobre o meu coche hai uns días, e tiven sorte de que non houbo danos graves”, engadindo críticas polo suposto abandono do mantemento das árbores.
Por outra banda, tamén se denuncia o estado dunha zona verde situada detrás das vivendas sociais da avenida Fernández Cardoso. A maleza, apuntan, medrou de tal forma que impide mesmo o uso dos bancos existentes, que quedan ocultos e inutilizados, xerando unha sensación de abandono e falta de coidado dun espazo pensado para o lecer veciñal.
Finalmente, a veciñanza critica o escaso aproveitamento dun amplo solar municipal adquirido no seu día polo anterior goberno local en Rinlo, pensado para habilitar un aparcadoiro que consideran necesario, especialmente durante a tempada estival. O terreo continúa sen uso e en estado de abandono, mentres tamén sinalan o mal estado da estrada próxima, que describen como moi deteriorada e con evidentes deficiencias de mantemento.