Veciños de Foz denuncian que a auga da billa sae marrón desde hai unha semana

Foz
AMariñaXa
Os residentes aseguran que o problema afecta a boa parte do municipio, agás Cordido, e critican a falta de resposta do Concello e de FACSA
Foz-auga-outubro-2026-queixa-veciños
9 Oct 2026

Veciños de Foz denuncian que a auga da billa sae de cor marrón nas súas vivendas desde hai aproximadamente unha semana. Os afectados alertan de que a situación non se limita a un punto concreto, senón que, segundo indican, se estende por boa parte do municipio.

"Está pasando fai unha semana", explican algúns residentes. Un deles sinala o que sucede na rúa Corporacións Municipais, onde asegura que se pode comprobar a cor coa que sae a auga. Os afectados lamentan que, polo momento, non recibiron unha resposta nin unha solución por parte do Concello nin de FACSA, a empresa encargada da xestión do servizo de abastecemento.

"Nin o Concello nin FACSA, que son os que levan a auga aquí en Foz, nos dan resposta nin solución", critican. A situación provoca malestar entre os veciños, que a cualifican de "desastre".

Segundo explican, o problema sería xeneralizado, coa excepción de Cordido, que conta cunha captación diferente. O resto do municipio abasteceríase a través dos depósitos de Fazouro.

A denuncia prodúcese meses despois de que o Concello anunciase novas ferramentas dixitais para modernizar a xestión do ciclo integral da auga e mellorar a comunicación coa veciñanza. O contrato do servizo entrou en vigor o pasado 1 de marzo e, con motivo do Día Mundial da Auga, o goberno local presentou unha serie de iniciativas destinadas a facilitar os trámites e ofrecer información actualizada.

Entre as medidas anunciadas figuraban a posta en marcha dunha oficina virtual, dispoñible as 24 horas, e a habilitación de novas canles de comunicación a través dunha páxina web e de perfís en Facebook e Instagram. O obxectivo, segundo explicou daquela o Concello, era ofrecer un servizo máis próximo e transparente.

A programación incluía tamén a actividade educativa "O Curso da Auga", dirixida ao alumnado de quinto de Primaria dos cinco centros escolares do municipio, con obradoiros, xogos e experiencias prácticas sobre o funcionamento do ciclo da auga e o uso responsable deste recurso.

Agora, os veciños que denuncian a saída de auga marrón reclaman unha resposta sobre o problema que, segundo aseguran, levan padecendo durante unha semana.

0.1440269947052