Veciños de Barreiros denuncian deficiencias na iluminación e no mantemento das beirarrúas


Un grupo de veciños de Barreiros expresou o seu malestar polo estado dalgúns servizos e espazos públicos do municipio, denunciando deficiencias tanto na iluminación como no mantemento das beirarrúas, especialmente nas zonas con maior afluencia de visitantes durante a tempada estival.
Entre as principais queixas sinalan o funcionamento irregular do alumeado público na baixada desde a urbanización Océano 3 ata a praia. Segundo aseguran, apenas funciona unha farola e media de cada catro existentes, o que reduce considerablemente a visibilidade durante a noite. Tamén indican que a situación é similar na baixada cara á ría, onde se concentra unha importante presenza de autocaravanas e, segundo denuncian, a falta de iluminación é total.
Os residentes critican ademais o estado das beirarrúas en distintos puntos do municipio. Afirman que a vexetación medra sen control, con herbas e plantas invadindo os espazos de paso, unha situación que, ao seu xuízo, resulta especialmente evidente diante das urbanizacións da zona de Altar e Bartolo. Consideran que a imaxe ofrecida nestas datas non é acorde coa importancia turística de Barreiros.
Os veciños lembran que son eles quen contribúen durante todo o ano co pagamento dos impostos municipais e lamentan que, mentres existen estas carencias, o Concello teña que afrontar a execución da sentenza que obriga ao derrubo de seis vivendas en San Pedro de Benquerencia. Nun ton crítico, afirman que "parece que só pagamos impostos para tirar chalés", en referencia ao procedemento xudicial que declarou ilegal a licenza de construción destes inmobles.

