Veciños da Rúa da Fonte de Mondoñedo cuestionan o cambio de nome por Xosé Vizoso sen consulta previa

AMariñaXa
Os propietarios presentaron alegacións ao acordo municipal e propoñen homenaxear o artista con murais ou esculturas, ou ben dedicar ao seu nome outra vía ou espazo público
MONDOÑEDO-Antiga-rua-da-fonte-será-rua-Xose-Vizoso
10 Oct 2026

Os veciños da Rúa da Fonte de Mondoñedo presentaron alegacións contra a decisión do Concello de cambiar o nome desta vía por Rúa Xosé Vizoso, ao considerar que se tomou sen consultar previamente os residentes afectados. Andrés García Doural e María Dolores Ferreira Díaz, en representación dos propietarios alegantes, amosan o seu apoio a homenaxear o artista mindoniense, pero discrepan do procedemento escollido.

Segundo explican, o pasado 9 de setembro recibiron unha carta certificada na que se lles comunicaba o acordo plenario para modificar a denominación da rúa. Os residentes cuestionan que a elección desta vía se xustifique, segundo recolle o expediente, polo feito de que Vizoso xogaba pola zona durante a súa nenez.

Tras manter unha reunión entre os afectados, os propietarios presentaron alegacións no Concello para expoñer os problemas que, ao seu xuízo, implicaría o cambio. Lembran que a rúa xa sufriu unha modificación de nome hai aproximadamente 30 anos e que daquela actuación aínda persisten dificultades relacionadas coa numeración dos inmobles e cos rexistros catastrais.

Os veciños tamén expresan o seu malestar polos trámites administrativos que terían que realizar de novo para adaptarse á nova denominación.

Propoñen outras formas de homenaxear o artista

Nas alegacións, os propietarios trasladaron a súa disposición a apoiar outras iniciativas para recoñecer a figura de Xosé Vizoso. En concreto, propoñen instalar unha representación mural ou escultórica dalgún dos seus deseños, como xa se fixo noutros concellos.

Ademais, consideran que, se existe un interese especial en incorporar o nome do artista ao rueiro de Mondoñedo, podería dedicárselle unha rúa, un parque ou unha praza que actualmente non teña denominación. Deste xeito, sosteñen, evitaríanse as complicacións que atribúen á modificación do nome dunha vía xa consolidada.

Os representantes dos afectados insisten en que non se opoñen á homenaxe ao artista mindoniense, senón á forma na que se está a tramitar. Neste sentido, critican que, mentres aínda estaba aberto o prazo para presentar alegacións e sen que, segundo afirman, o Concello respondese ás rexistradas polos veciños, xa se anunciase publicamente a descuberta da placa coa nova denominación.

A convocatoria difundida en carteis e nos medios de comunicación fixa a data e a hora do acto para presentar a Rúa Xosé Vizoso, anteriormente Rúa da Fonte, segundo indican.

Ante esta situación, os propietarios piden que se agarde á finalización dos prazos administrativos e á resolución das alegacións antes de dar por definitivo o cambio. Consideran que respectar estes trámites sería unha mostra de consideración cara aos residentes e cara á participación democrática na toma de decisións municipais.

0.18412613868713