Veciños da Avenida de América de Ribadeo únense contra os cambios da obra e estudan accións legais

AMariñaXa
Máis de 30 afectados cuestionan a eliminación de accesos a aparcadoiros privados, a perda de prazas de estacionamento e a supresión de zonas verdes e reclaman ao Concello solucións que teñan en conta aos residentes e negocios
Ribadeo-AVENIDA-DE-AMÉRICA-EN-OBRAS-2026
18 Sep 2026

Os veciños e propietarios da Avenida de América de Ribadeo mobilízanse ante as consecuencias que, segundo denuncian, terá a reforma que se está executando nesta rúa sobre as súas vivendas e negocios. Os afectados constituíron un colectivo, que xa supera os 30 integrantes e que se atopa en proceso de formalizarse como asociación, co obxectivo de defender os seus intereses ante as decisións adoptadas no desenvolvemento das obras.

Unha das primeiras medidas foi solicitar unha reunión a pé de obra co alcalde de Ribadeo e co arquitecto municipal para coñecer os detalles da actuación e trasladar directamente as súas preocupacións. O encontro celebrouse este pasado mércores, aínda que o rexedor non asistiu. As explicacións ofrecidas polo técnico municipal tampouco convenceron a boa parte dos presentes.

Un dos principais puntos de conflito é a pretensión de eliminar accesos a aparcadoiros situados dentro de propiedades privadas, algúns dos cales, segundo os afectados, existen desde hai varias décadas. Os veciños consideran que esta decisión resulta inxustificada e sosteñen que entra en contradición coa ordenanza municipal que regula a entrada de vehículos a estacionamentos de uso exclusivo.

Tras a reunión, os integrantes do colectivo mantiveron novos encontros e acordaron contactar con avogados especializados para estudar a situación. Non descartan emprender accións legais contra os responsables municipais se o Concello mantén unhas decisións que consideran prexudiciais para os seus dereitos e intereses.

Os afectados defenden que conservar os accesos aos seus estacionamentos particulares é viable, non supón ningún gasto adicional para as arcas municipais e tampouco causa prexuízos a terceiros. "Non comprendemos como o Concello de Ribadeo quere danarnos desta maneira en vez de intentar contentar a todos os veciños e propietarios, que é o que fan habitualmente os gobernantes dos municipios", manifestan.

A preocupación afecta tamén aos negocios da zona. Entre os integrantes do colectivo atópase a propietaria dun bar que advirte das consecuencias que tería impedir aos clientes estacionar no aparcadoiro privado do establecemento. Segundo explica, a medida provocaría un prexuízo económico de tal magnitude que podería verse obrigada a pechar o negocio.

Outro dos asuntos que esperta críticas é a redución das prazas de estacionamento na Avenida de América. Os veciños lembran que se trata dunha contorna cunha importante afluencia diaria pola proximidade de equipamentos como o instituto de Secundaria, a Escola Oficial de Idiomas ou a residencia de maiores. Ao seu xuízo, a eliminación de aparcadoiros agravará un problema para o que aseguran que non existen alternativas próximas.

O colectivo cuestiona igualmente os cambios previstos nos espazos verdes. Os afectados critican a "impopular medida da supresión de espazos verdes e zonas axardinadas", que, segundo sinalan, serán substituídos por superficies pavimentadas.

Ás súas queixas engaden os problemas relacionados coa evacuación das augas. Neste sentido, apuntan ás consecuencias que, ao seu entender, xeraron a retirada dos parterres e os traballos que permanecen sen rematar na zona do grupo Francisco Iglesias, onde denuncian episodios de inundacións.

Os residentes e propietarios reclaman agora que o Concello reconsidere aqueles aspectos do proxecto que afectan directamente ás súas propiedades e ao funcionamento dos negocios. Sobre todo, piden abrir unha vía de diálogo que permita compatibilizar a reforma da avenida co mantemento dos accesos, o estacionamento e as necesidades da veciñanza.

Os afectados lamentan que desde o goberno municipal "se polemice en lugar de buscar solucións que dean certeza aos residentes" e avanzan que continuarán organizándose para defender as súas reivindicacións mentres as obras seguen adiante.

0.15422296524048