Veciñanza de Magazos presenta 162 alegacións contra o trazado da variante de Viveiro

Un total de 162 veciños e veciñas de Magazos, no municipio de Viveiro, veñen de presentar alegacións ao proxecto da variante que a Xunta de Galicia ten en fase de tramitación co obxectivo de reducir o tráfico de paso polo centro urbano. As persoas asinantes amosan o seu rexeitamento ao trazado proposto, ao considerar que a denominada “Alternativa 5” supón unha afección significativa sobre un espazo urbano xa consolidado e con importantes valores patrimoniais e ambientais.
Segundo recollen no escrito presentado, a zona de A Calzada-Magazos constitúe un núcleo residencial e territorial asentado desde hai décadas, no que conviven vivendas, actividades económicas e elementos arquitectónicos de relevancia. Neste sentido, os veciños subliñan que o ámbito afectado forma parte dun entorno singular que inclúe exemplos destacados da arquitectura indiana galega, como Casa Pernas, Casa Cameiro, Casa do Esguello e Vila María, bens que figuran na propia documentación do expediente sometido a exposición pública.
Os asinantes recoñecen a necesidade de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria en Viveiro, así como de reducir o tráfico pesado e de paso polas zonas máis urbanas, pero consideran que a solución proposta debe ser revisada. “Entendemos que unha variante debe mellorar a mobilidade, pero non a costa de fragmentar un núcleo urbano xa consolidado”, sinalan no texto remitido á administración local.
A preocupación céntrase especialmente no impacto territorial que podería xerar o trazado previsto, ao atravesar ou condicionar de forma directa unha zona con forte identidade veciñal e patrimonial. Os residentes insisten en que non se trata dun espazo baleiro nin en desenvolvemento, senón dun ámbito plenamente estruturado no que existen propiedades, accesos e edificacions integradas nun mesmo tecido urbano.
Así mesmo, as alegacións poñen o foco na presenza de elementos de alto valor cultural e histórico, así como na proximidade a espazos incluídos na Rede Natura, o que engade, segundo indican, unha maior sensibilidade ambiental ao proxecto. Neste contexto, solicitan que se analicen con maior detalle outras posibles alternativas de trazado que minimicen o impacto sobre o territorio.
Os veciños tamén reclaman que o Concello de Viveiro traslade á Xunta de Galicia unha análise máis profunda deste tramo concreto da variante, instando a reconsiderar ou axustar a proposta inicial. “Pedimos que se estude con rigor o impacto real sobre o núcleo de A Calzada-Magazos e que se valoren opcións menos agresivas”, recollen no escrito.
Entre as peticións incluídas nas alegacións figura a necesidade de xustificar de forma específica a afección da Alternativa 5, avaliar posibles modificacións do trazado, analizar o impacto sobre vivendas e accesos, e ter en conta o carácter singular do conxunto patrimonial existente na zona. Ademais, reclaman que se busque unha solución que compatibilice a mellora da mobilidade coa preservación dos valores urbanos, territoriais e culturais do entorno.
As 162 sinaturas rexistradas amosan, segundo os veciños, a amplitude do rexeitamento ao proxecto no seu estado actual e evidencian a preocupación existente nunha parte significativa da parroquia de Magazos. A comunidade afectada insiste en que o obxectivo non é frear as melloras viarias, senón garantir que estas se realicen co menor impacto posible sobre os núcleos habitados.
Mentres continúa a tramitación do estudo informativo e ambiental da variante de Viveiro, a veciñanza de A Calzada-Magazos agarda agora unha resposta por parte das administracións competentes ás súas alegacións, co obxectivo de que as súas propostas sexan tidas en conta antes de que o proxecto avance cara a súa fase definitiva.