Unha veciña reclama claridade sobre o desconto de Mondigo tras meses sen recibir a resolución

AMariñaXa
A familia presentou a solicitude o primeiro día, pero asegura que segue sen recibir unha comunicación formal e cuestiona as condicións para activar a bonificación
parque-eolico
1 Oct 2026

Unha veciña da contorna do parque eólico de Mondigo reclama máis información e transparencia sobre o funcionamento do programa Mondigo Beneficia, que ofrece bonificacións na factura eléctrica aos fogares situados na área de influencia da instalación. A súa queixa parte dun caso concreto: meses despois de presentar toda a documentación en nome da súa nai, asegura que segue sen recibir unha resolución formal por escrito que confirme a concesión da axuda.

A solicitude foi presentada, segundo explica, o primeiro día no que se habilitou o trámite. Nas consultas realizadas posteriormente trasladáronlle verbalmente que a documentación era correcta, polo que pediu que esa confirmación lle fose enviada tamén por vía electrónica. A pesar de solicitala en agosto, asegura que, transcorrido o tempo, continúa sen recibila.

A falta de información non se limita, segundo o seu relato, á resolución do expediente. A veciña lembra que se anunciou que as comunicacións aos beneficiarios se realizarían "casa a casa", pero afirma que na súa aldea non se produciu esa visita. A explicación que recibiu foi que a persoa encargada de informar na zona non conseguira localizar a vivenda da súa nai.

A situación complicouse cando recibiu unha chamada de Máis Enerxía Galega. A veciña asegura que non contactara previamente con esta comercializadora para contratar ningún servizo e que descoñece como obtivo os seus datos. Durante a conversa, sempre segundo o seu relato, confirmáronlle que a documentación presentada para acceder á bonificación estaba correcta e ofrecéronlle a posibilidade de cambiar o contrato eléctrico con esta empresa para comezar a aplicar o desconto.

Este é un dos puntos que máis dúbidas lle xera. Segundo a información que recibiu nesa chamada, Máis Enerxía sería neste momento a única comercializadora coa que o convenio estaría operativo. A cuestión tamén foi trasladada por outros veciños e levou o Concello de Trabada a solicitar aclaracións á Xunta, a Recursos de Galicia e á propia comercializadora.

O goberno local reclamou coñecer con exactitude como se aplicarán as bonificacións, que trámites deben realizar as persoas beneficiarias e de que maneira aparecerá o desconto nas facturas. Tamén pediu que se concrete que comercializadoras están adheridas ao programa e se os beneficiarios poden escoller entre diferentes alternativas.

A reclamante cuestiona precisamente que unha persoa que cumpra os requisitos, resida dentro do radio establecido e teña a documentación validada poida ter que cambiar de compañía para comezar a ver o desconto na súa factura. "Podo cumprir os requisitos, vivir dentro do radio establecido, presentar toda a documentación o primeiro día posible e ter esa documentación correctamente validada, pero non ver o desconto reflectido na miña factura mentres continúe coa miña comercializadora habitual", sinala no escrito.

O programa establece bonificacións para os fogares situados nun radio de ata 1,8 quilómetros do parque eólico. Recursos de Galicia comunicara que o desconto podería chegar ao 80 % do consumo eléctrico e que as axudas se aplicarían directamente nas facturas da comercializadora elixida polo usuario sempre que esta estivese adherida ao programa. Máis Enerxía foi a primeira compañía en incorporarse, mentres que a previsión era que outras comercializadoras puidesen sumarse posteriormente.

Xa no mes de marzo, a empresa propietaria do parque desprazara persoal aos concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo para explicar o programa e atender as dúbidas da veciñanza. Naquela fase anunciárase tamén a posta en marcha dun servizo presencial de asesoramento e dunha vía específica de atención para tramitar os descontos.

A veciña tamén pon o foco no momento a partir do cal se contabiliza a bonificación. No seu caso, cuestiona que o desconto se acumule desde a data de presentación da solicitude e non desde o inicio da produción eléctrica do parque. Considera que isto pode xerar diferenzas entre fogares que soportan a mesma proximidade aos aeroxeradores se uns coñeceron antes a existencia do programa ou tiveron máis facilidade para completar os trámites.

A situación, segundo advirte, pode ter unha incidencia especial entre as persoas maiores ou aquelas con dificultades para realizar xestións por medios dixitais. "Non todas as persoas teñen acceso habitual a Internet, correo electrónico ou facilidade para reunir documentación e realizar trámites dixitais", sinala. Tamén considera que a falta dunha comunicación efectiva nas aldeas pode provocar que algunhas persoas tardasen máis en coñecer a existencia do programa.

A cuestión dos datos persoais é outro dos motivos da súa reclamación. A veciña asegura que para solicitar a bonificación achegou nome, teléfono, correo electrónico, domicilio e facturas eléctricas e que posteriormente recibiu unha chamada dunha comercializadora concreta. Por iso pide saber quen facilitou os seus datos, con que finalidade e baixo que autorización. "Non afirmo que exista necesariamente ningunha irregularidade. Reclamo algo máis básico: transparencia", afirma.

A súa petición é que todas as persoas beneficiarias reciban unha comunicación formal sobre o resultado da súa solicitude e que se explique con claridade o procedemento para activar o desconto. Tamén reclama que se facilite información accesible ás persoas con dificultades dixitais, que se concrete que comercializadoras participan en cada momento e que se aclare que sucede cos fogares cuxa compañía habitual non estea adherida.

As dúbidas veciñais coinciden coas que xa levaron o Concello de Trabada a pedir unha reunión urxente. O alcalde, Rubén García Freije, remitiu escritos á Xunta, a Recursos de Galicia e a Máis Enerxía Galega para solicitar información precisa ante as diferentes condicións que estarían recibindo os beneficiarios. O Concello queda á espera dunha resposta e da fixación dunha data para abordar o funcionamento do programa.

A reclamación chega mentres Mondigo Beneficia entra na súa fase de aplicación efectiva nos fogares da contorna. O obxectivo anunciado é que parte do retorno económico asociado á produción eléctrica do parque repercuta directamente nas persoas que viven preto da instalación. Para esta veciña, o seguinte paso debe ser que as condicións para acceder a ese beneficio sexan coñecidas por todos e que cada solicitante reciba unha resposta formal sobre o seu expediente.

"Unha cousa é anunciar que vivir preto de Mondigo ten beneficios. Outra moi distinta é conseguir que eses beneficios cheguen realmente á veciñanza", resume no seu escrito.

0.7279839515686