Unha oda ao “cuqui”

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
Rebeca-Foto-Artigo-novembro'26
8 Nov 2026

Por Rebeca Maseda

Hai proxectos culturais que teñen algo especial. Non necesariamente porque pretendan revolucionar o mundo nin porque leven detrás grandes discursos, senón porque fan algo tan sinxelo —e tan difícil— como coidar cada detalle, traballar con rigor, xerar ilusión e conseguir que a música aconteza de verdade. Camerata Penedès é, sen dúbida, un deses proxectos. Unha oda ao «cuqui», entendido na súa mellor versión: ás cousas feitas con agarimo, intelixencia, sensibilidade e, sobre todo, moito oficio.

O pasado 25 de outubro, o Auditori Maria Rosa Juncosa de Vilafranca del Penedès, localidade onde a formación ten a súa residencia, acolleu un espectáculo extraordinario arredor de Soño dunha noite de verán de F. Mendelssohn, baseada na obra homónima de W. Shakespeare. Unha proposta que partía dun clásico universal para ofrecer unha lectura contemporánea, fresca e orixinal, na que música, palabra e interpretación escénica dialogaban con absoluta naturalidade. Porque os clásicos, cando se abordan sen prexuízos e con imaxinación, non precisan ser embalsamados: están máis vivos ca nunca e seguen tendo moito que dicirnos.

O resultado foi un concerto espectacular en todas as súas dimensións. Musicalmente, pola calidade e o coidado da interpretación; artisticamente, pola coherencia dunha proposta que sabía moi ben o que quería contar; e humanamente, pola capacidade de crear unha experiencia compartida, próxima e emocionante. Neste sentido, merece unha mención moi especial o Cor Aglepta, cuxa participación foi un dos grandes acertos da velada. A súa presenza, a súa expresividade e a súa entrega achegaron unha dimensión sonora e emocional fermosísima, realmente impresionante. Tamén foi fundamental o traballo da actriz Elisabet Casanovas, que achegou á proposta unha presenza escénica chea de personalidade, frescura e naturalidade. A súa intervención permitiu transitar polo universo shakesperiano con complicidade e sentido do humor, sen renunciar á poesía nin á forza teatral do texto. Unha maneira de achegar Shakespeare ao público actual sen simplificalo, pero tamén sen convertelo nunha peza de museo.

E aquí é onde o proxecto da Camerata adquire unha dimensión que vai moito máis alá dun concerto concreto. Porque o verdadeiramente valioso non é só o que acontece sobre o escenario, senón todo o que fai posible que aconteza. A existencia de formacións e iniciativas culturais deste tipo demostra que a excelencia artística non é patrimonio exclusivo das grandes capitais nin dos principais centros urbanos. Pódese construír unha programación ambiciosa, ofrecer propostas innovadoras e reunir artistas de enorme calidade sen necesidade de desprazar o centro de gravidade cultural ás cidades.

En definitiva, é unha cuestión de democratización cultural, pero tamén de identidade e de comunidade. Trátase de achegar a cultura aos lugares onde vive a xente, de crear hábitos, de fidelizar públicos e de conseguir que a música clásica deixe de percibirse como algo afastado ou reservado a unha minoría. Que un auditorio estea cheo non é un dato menor: é a expresión visible de que existe interese, curiosidade e vontade de participar cando se ofrecen propostas estimulantes e ben construídas. Camerata Penedès representa precisamente iso: unha maneira de entender a cultura como un espazo de encontro, de pertenza e de emoción colectiva. Un proxecto que coida a música, as/os artistas e o público, e que parece ter moi claro que a calidade non está rifada coa proximidade, nin a ambición coa sensibilidade.

Quizais por iso o concerto do 25 de outubro deixou tan bo sabor de boca. Porque, ademais de música e teatro, houbo ideas, beleza, sentido do humor e unha enorme cantidade de traballo ben feito. E porque, ás veces, a mellor maneira de facer grandes cousas é non esquecer o valor das pequenas. Si, a Camerata é unha oda ao «cuqui», pero tamén é unha excelente noticia para a cultura.

Longa vida á Camerata!

 

0.16433000564575