Un verán con máis seguridade e diversión na piscina municipal de Alfoz

A piscina municipal de Alfoz xa está aberta para a tempada de verán. O Concello puxo en marcha este martes, 1 de xullo, un dos servizos máis agardados pola veciñanza durante os meses de verán, desta vez con instalacións renovadas e novas melloras orientadas a reforzar a seguridade, o confort e o desfrute das persoas usuarias.
A principal actuación realizada foi a renovación integral do vaso pequeno da piscina, onde se executaron traballos de impermeabilización para corrixir os problemas de filtración e garantir un mellor mantemento do espazo. Tamén se substituíron as portas interiores dos vestiarios, deterioradas pola humidade, co obxectivo de mellorar o estado das dependencias de servizo.
O investimento supera os 35.000 euros e foi financiado a través do Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. Ademais, o Concello incorporou novos flotadores acuáticos para os máis pequenos, buscando facer da piscina un espazo máis atractivo, seguro e divertido para as familias.
A alcaldesa, Efigenia Maseda, destacou que a apertura da piscina municipal é 'un dos momentos máis esperados do verán' no municipio e subliñou que este ano a tempada comeza con instalacións 'renovadas e máis atractivas', pensadas para ofrecer un servizo de calidade tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
Desde o Concello animan a gozar desta nova campaña de baño nunhas instalacións que se consolidan cada verán como un dos principais puntos de encontro, convivencia e lecer de Alfoz.