Un estudo do IEO avala o mínimo impacto nos fondos mariños do palangre empregado pola frota de Burela

GaliciaXa | AMariñaXa
O proxecto ISPAMER, desenvolvido durante tres anos, conclúe que o sistema "pedra-bóla" é semipeláxico e o sector reclamará en Bruxelas unha exención das 87 vedas que afectan aos seus caladoiros históricos
barco-pesca-burela-xenerica
5 Sep 2026

Os resultados científicos sobre a actividade da frota palangreira de Burela chegarán a Bruxelas. CEPESCA, EUROPECHE e OPP Burela presentarán o vindeiro mércores 9 de setembro ante a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo as conclusións do proxecto ISPAMER 2023-2025, unha investigación dirixida polo IEO-CSIC que analizou durante tres anos a interacción do palangre "pedra-bóla", empregado na pesca da pescada do pincho, cos hábitats mariños.

O estudo conclúe que esta modalidade non debe ser considerada unha arte de fondo, senón un palangre semipeláxico, e avala o seu reducido impacto sobre os fondos mariños. Uns resultados cos que o sector pretende reforzar ante as institucións comunitarias a súa reclamación para revisar as restricións que actualmente afectan á frota.

No encontro participarán representantes pesqueiros, científicos e das institucións europeas. Tamén está prevista a asistencia da secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, e da conselleira do Mar, Marta Villaverde. A cita pretende trasladar ao debate comunitario as evidencias obtidas polo proxecto e analizar a compatibilidade entre a actividade pesqueira sostible e a protección do medio mariño.

A orixe de ISPAMER está nas restricións aprobadas pola Comisión Europea en 2022, cando entrou en vigor o regulamento que estableceu 87 zonas vedadas á pesca en caladoiros nos que tradicionalmente traballaba a frota palangreira. O sector cuestionou desde o primeiro momento que estas limitacións se aplicasen sen dispoñer de datos diferenciados sobre o impacto concreto de cada unha das artes de pesca.

Ante esta situación, OPP Burela encargou ao IEO un estudo científico cun dobre propósito. Por unha banda, buscábase caracterizar tecnicamente o funcionamento do palangre "pedra-bóla" e determinar se realmente podía clasificarse como unha arte de fondo. Por outra, pretendíase coñecer mediante datos científicos a súa posible incidencia sobre os ecosistemas mariños.

Tres anos de traballo e 770 días de pesca

A investigación desenvolveuse ao longo de tres anos e permitiu obter información durante 55 mareas a bordo dos barcos, que sumaron 770 días de actividade pesqueira. Boa parte do traballo realizouse en zonas que actualmente permanecen abertas á pesca, aínda que algunhas delas están incluídas en propostas de futuros peches formuladas desde a Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare).

Entre os resultados destaca a elevada selectividade da pesqueira. Segundo os datos recollidos, o 90,9 % das capturas corresponde á pescada, que é precisamente a especie obxectivo desta frota. A porcentaxe de descartes sitúase en só o 0,7 % e, segundo o proxecto, unha parte importante corresponde a exemplares que chegan ás embarcacións tras seren depredados por outras especies.

As conclusións técnicas tamén cuestionan a clasificación utilizada ata agora para esta modalidade. O IEO determina que o "pedra-bóla" funciona como un palangre semipeláxico e non como unha arte de fondo. A investigación sostén así que os resultados científicos respaldan os argumentos defendidos polo sector e apuntan á compatibilidade da actividade desta frota coa conservación dos fondos mariños.

OPP Burela advertirá das consecuencias das vedas

A presentación en Bruxelas terá tamén unha vertente económica e social. OPP Burela levará ao Parlamento Europeo datos sobre as consecuencias que está tendo a aplicación das vedas para os barcos dedicados á pescada do pincho.

A organización pesqueira considera que as restricións están provocando graves efectos económicos, sociais e mesmo ambientais e advertirá de que a continuidade desta frota resulta inviable se se manteñen as condicións actuais.

Para CEPESCA, EUROPECHE e OPP Burela, os resultados de ISPAMER permiten defender que a protección dos ecosistemas mariños e a actividade do palangre "pedra-bóla" non son incompatibles. Pola contra, consideran que os datos obtidos durante os tres anos de investigación acreditan o reducido impacto desta arte sobre o fondo.

As organizacións reclamarán por iso unha modificación da normativa comunitaria. En concreto, pedirán que o palangre "pedra-bóla" dirixido á captura da pescada quede exento das restricións derivadas do Regulamento 2022/1614 e das 87 vedas establecidas nos caladoiros históricos.

O sector confía en que as evidencias científicas recollidas polo IEO permitan abrir agora un novo escenario en Bruxelas. A súa demanda pasa por que as decisións sobre os peches dos caladoiros teñan en conta o comportamento e o impacto específico de cada arte de pesca, en lugar de aplicar as mesmas limitacións a modalidades cunha interacción diferente cos fondos mariños.

0.15679001808167