Un ano de deporte en feminino

Hai medallas, títulos, récords e ascensos. Pero detrás de cada logro tamén hai horas de adestramento, renuncias, esforzo e unha loita constante por abrirse paso nun ámbito no que a igualdade aínda está lonxe de ser unha realidade. Esa é a esencia de Deporte lugués en feminino, a nova publicación impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha axenda que pon rostro e voz a dezaoito deportistas da provincia que destacan nas súas respectivas disciplinas e que pretende converter as súas traxectorias en referentes para as nenas e mozas que soñan cun futuro no deporte.
A presentación tivo lugar no Pazo de San Marcos, onde o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, reivindicou a necesidade de seguir facendo visible o deporte feminino. Dirixíndose ás protagonistas da publicación, lembroulles que o seu papel vai moito máis alá dos resultados deportivos. “Sodes referentes para as que veñen detrás”, afirmou, incidindo na importancia de ofrecer modelos próximos que animen ás novas xeracións a practicar deporte e a perseguir os seus obxectivos.
A publicación, ilustrada coas fotografías de Reyes Fernández Guizán e cos textos da xornalista de TERRACHÁXA Belén Rodríguez Arias, reúne perfís de deportistas que representan a diversidade do deporte lucense. Desde disciplinas individuais ata deportes de equipo, todas elas comparten unha traxectoria marcada polo compromiso e a superación. Máis aló da presentación, o acto converteuse nun espazo de diálogo sobre a realidade do deporte feminino.
Dezaoito historias para inspirar ás novas xeracións
Adiaratou Iglesias converteuse nunha das grandes referencias do atletismo adaptado tras unha traxectoria marcada pola superación. Nacida en Mali e chegada a España sendo nena, descubriu o atletismo case por casualidade e consolidou a súa carreira en Lugo da man da súa nai de acollida e do seu adestrador. A pesar de comezar a competir aos 14 anos, acadou grandes éxitos como un ouro e unha prata nos Xogos Paralímpicos de Tokio. Na actualidade compaxina o deporte cos estudos de Educación Infantil e o traballo con nenos, mantendo a ilusión por seguir medrando.
Noa López consolidouse como unha das promesas do baloncesto galego tras unha traxectoria iniciada no CB Sarria e continuada en clubs como Estudiantes de Lugo e Costa Ártabra antes de incorporarse ao Ensino en categoría infantil. Internacional coa selección galega e convocada tamén coa española en torneos como os de Íscar e Abu Dhabi, debutou con só 16 anos co primeiro equipo na Liga Endesa. Estudará Ciencias do Deporte nos Estados Unidos cunha bolsa deportiva.
Laura Álvarez e Uxía Folgueira representan o presente e o futuro dos deportes de combate en Lugo grazas ás súas destacadas traxectorias no taekwondo e no karate. Laura, que comezou a practicar taekwondo aos sete anos, acumula varias medallas europeas e un destacado resultado no Mundial de 2022, ao tempo que compaxina a alta competición cos estudos de Medicina. Pola súa banda, Uxía iniciouse no karate con catro anos e converteuse na primeira karateca galega en lograr tres medallas internacionais en kata individual, ademais de proclamarse subcampioa de Europa por equipos.

Carmen Carballada, natural de Monforte, consolídase como unha das promesas do fútbol feminino galego nas filas do Deportivo. Tras iniciarse no fútbol sendo unha nena e formarse entre o Monforte e o Calasancio, con apenas 16 anos trasladouse á Coruña para incorporarse ao filial deportivista e entrar na dinámica do primeiro equipo. Internacional nas categorías inferiores da selección española e debutante en Primeira División, compaxina a súa carreira deportiva cos estudos de Psicoloxía e non descarta formarse como adestradora. A futbolista destaca o fútbol como unha escola de vida que lle inculcou disciplina e constancia, aínda que tamén recoñece as renuncias persoais e as lesións.
Sandra Pumares, Silvia Rubal, Verónica García e Area Loureiro representan distintas xeracións e etapas do fútbol sala feminino galego, desde os primeiros pasos na base ata a elite. Todas elas compaxinan a competición cos estudos ou a formación, destacan a importancia do apoio familiar e lembran fitos como defender a selección galega, conquistar títulos, lograr ascensos ou competir en Primeira División.
Con só 23 anos, Elena López, veciña de Samos, converteuse nunha das grandes referencias do motociclismo feminino galego tras proclamarse campioa da Liga Galega de Enduro e XC, conquistar por tres anos consecutivos o Campionato Galego de Cross Country e ser subcampioa de España. A súa carreira comezou en 2022 case por casualidade, cando participou nunha proba coa moto do seu pai. Desde entón, superou incluso unha importante lesión para seguir progresando nun deporte que compaxina coa súa formación en mecánica e no que xa prepara novos retos.
As irmás Sofía e Inés Mourenza converteron a súa afección pola natación nunha brillante traxectoria deportiva. Integrantes do Club Natación PortaMiñá, ambas destacan no panorama estatal tras anos de esforzo e disciplina, con Inés sobresaíndo nas augas abertas e Sofía en probas de piscina. Compaxinan adestramentos de alta esixencia cos seus estudos universitarios e atopan no apoio mutuo unha das claves do seu éxito. A súa historia exemplifica como a constancia e o traballo en equipo poden levar á elite da natación galega.
A lucense Tania Fernández consolidouse como unha das principais figuras do piragüismo de maratón tras unha carreira iniciada no Club Fluvial de Lugo e marcada por destacados éxitos internacionais. No seu palmarés figuran dous ouros, tres pratas e un bronce en campionatos do mundo, ademais dunha prata e un bronce europeos. Compaxina os adestramentos coa súa profesión como fisioterapeuta e coa formación para ser docente, demostrando que a constancia e a paixón polo deporte poden ir da man dunha intensa vida profesional.
Olivia Mon, nada en Lugo, semella unha das grandes promesas do squash galego tras proclamarse campioa galega en varias ocasións, campioa de España sub-17 e internacional coa selección española. Despois de superar unha grave lesión que a mantivo un ano afastada das pistas, regresou á competición con novos éxitos e prepara o salto á categoría absoluta. Compaxina os estudos de Educación Social cos adestramentos e continúa traballando para abrirse camiño na elite con disciplina e constancia.
Outra lucense que promete moitas máis éxitos é a triatleta Elsa Pena, grazas aos seus éxitos en tríatlon cross e acuatlón, con títulos nacionais, unha prata europea e un bronce mundial. Integrante do Cidade de Lugo Fluvial, compaxina o deporte de alto nivel cos estudos universitarios para ser profesora e continúa medrando coa vista posta na elite internacional, apoiada pola súa familia e o seu equipo técnico.
As xogadoras do Emevé Clara Carreira e Olalla González representan o éxito da canteira lucense no voleibol de elite. Formadas no club, ambas deron o salto á Superliga tras destacar nas categorías de base e compaxinan a máxima competición cos seus estudos universitarios. Cunha traxectoria marcada polo esforzo, o compromiso e os éxitos co Emevé e coas seleccións galega e española, son dúas das grandes referencias do voleibol feminino na provincia.
A monfortina Alisa Urdaneta está considerada unha das promesas da ximnasia artística galega grazas á súa constancia e progresión nas categorías de base. Campioa galega en Promoción e Prebase, logrou clasificarse para o Campionato Nacional, onde continúa medrando nun deporte que compaxina cos estudos. Con só 16 anos, afronta o seu segundo Nacional coa ilusión de seguir mellorando e co obxectivo de manterse vinculada ao deporte no futuro.