Trabada ultima os preparativos para a II edición do Campionato de Balinera

Cada vez queda menos para que Trabada volva vivir unha das propostas máis singulares da súa programación estival. O vindeiro 8 de agosto, ás 10:30 horas, o Alto da Cadeira acollerá a segunda edición do Campionato de Balinera, unha iniciativa impulsada polo Concello que regresa tras a boa acollida obtida o pasado ano e que volverá formar parte da tradicional Xira da Cadeira.
A competición está aberta á participación de persoas de todas as idades e busca converterse nunha xornada de lecer, convivencia e diversión arredor dun dos eventos máis populares do verán no municipio. As inscricións continúan abertas e poden formalizarse de maneira gratuíta nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 982 135 011. A organización recomenda realizar o trámite antes do 6 de agosto, aínda que tamén será posible anotarse o mesmo día da proba.
Segundo recolle o regulamento, todas as balineras serán facilitadas pola organización, polo que non estará permitido competir con vehículos propios. Ademais, os participantes con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos deberán asistir acompañados por unha persoa adulta.
O campionato repartirá tres premios entre os mellores clasificados. O gañador levará unha carabina, mentres que o segundo premio consistirá nunha desbrozadora e o terceiro nun maletín de ferramentas da marca Irimo.
O alcalde de Trabada, Rubén García, agradeceu a colaboración de Adrián Lombardía, propietario de Top 10 Ferretería, pola achega do material destinado aos premios desta edición. O rexedor destacou que a implicación do tecido empresarial resulta fundamental para impulsar actividades deste tipo e seguir enriquecendo a programación lúdica e festiva do municipio.
Desde o Concello fan un chamamento á veciñanza e ás persoas que visiten Trabada durante esas datas para que se sumen á competición ou gocen como público dunha xornada que combinará deporte, tradición e ambiente festivo no marco da Xira da Cadeira.