Trabada reparte gafas homologadas entre os campamentos de verán para observar con seguridade a eclipse solar

AMariñaXa
O Concello dota aos participantes do Campamento de Verán e do Campamento Xuvenil de material de protección grazas á colaboración da Deputación de Lugo e anima á veciñanza a vivir un acontecemento astronómico excepcional
Campamento-trabada-2026
17 Jul 2026

O Concello de Trabada distribuíu este xoves gafas homologadas para a observación do Sol entre os nenos e nenas que participan no Campamento de Verán e os mozos e mozas do Campamento Xuvenil. A entrega foi realizada polo alcalde, Rubén García, e pola concelleira Pilar Fernández, nunha iniciativa que busca que os participantes poidan seguir con todas as garantías de seguridade a eclipse solar prevista para o vindeiro 12 de agosto.

A actuación foi posible grazas á colaboración da Deputación de Lugo, que proporcionou ao municipio un lote de lentes de protección específicas para a observación deste fenómeno astronómico. Deste xeito, o Concello pretende combinar a prevención coa divulgación científica, permitindo que os máis novos vivan esta experiencia de maneira segura e didáctica.

O alcalde, Rubén García, subliñou que o obxectivo é ofrecer aos rapaces e rapazas a oportunidade de coñecer de preto un acontecemento astronómico de gran interese, convertendo a eclipse nunha actividade educativa ademais de lúdica.

O rexedor lembrou tamén que A Mariña lucense será un dos puntos privilexiados a nivel mundial para contemplar este fenómeno, polo que destacou a importancia de aproveitar unha ocasión que non volverá repetirse con características similares ata dentro de moitos anos.

Desde o Concello fan un chamamento á cidadanía para que siga as recomendacións de seguridade durante a observación da eclipse, empregando sempre gafas homologadas e desfrutando con responsabilidade dun evento que situará á comarca no foco internacional.

0.12120914459229