Trabada renovará parte da iluminación pública en máis de vinte núcleos do municipio

AMariñaXa
O Concello destinará preto de 30.000 euros á instalación de luminarias máis eficientes dentro do Plan de Cooperación da Deputación de Lugo
farolas-led-alumeado
18 May 2026

O Concello de Trabada levará a cabo nos próximos meses unha nova actuación destinada á modernización da rede de iluminación pública en distintos puntos da parroquia de Trabada. A intervención enmárcase no Plan de Cooperación cos Concellos 2026 da Deputación de Lugo e contará cun investimento próximo aos 30.000 euros.

Os traballos consistirán na renovación das actuais luminarias por sistemas máis eficientes e de menor consumo enerxético, unha medida coa que o goberno local pretende continuar avanzando na mellora dos servizos municipais e na redución do gasto enerxético.

As actuacións desenvolveranse en numerosos núcleos do municipio, entre eles Orrea, Chao dos Navais, A Trapa, A Penela, San Esteban, A Ermida, A Ribela, Porto do Malle, Pau Cabaleiro, Escanarega, Redondo, Río, O Carballo, Fontán, A Lagoa, As Lóngaras, Muín Queimado, Cimadevila, Vilapercide, O Espín, A Cabana e Mozandeo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que o Concello continúa executando actuacións para reforzar os servizos e as infraestruturas municipais en diferentes puntos do territorio. Segundo explicou, estas intervencións permiten mellorar progresivamente a calidade das prestacións que reciben os veciños e veciñas do municipio.

O rexedor tamén incidiu na importancia da renovación das luminarias desde o punto de vista da eficiencia enerxética, sinalando que este tipo de actuacións contribúen tanto ao aforro económico como á sustentabilidade ambiental.

Desde o Concello lembran ademais que esta iniciativa forma parte das diferentes actuacións de modernización impulsadas nos últimos anos en distintas parroquias e núcleos do municipio co obxectivo de continuar mellorando os servizos básicos e as infraestruturas locais.

0.1171658039093