Trabada renova a contorna da capela de San Miguel de Vilapercide coa colaboración da veciñanza

AMariñaXa
A actuación permitiu construír un novo muro de contención, rehabilitar a fonte e renovar a varanda, mentres que os propios veciños completaron os traballos co pintado da capela
Rematan-as-obras-de-mellora-da-contorna-da-capela-de-San-Miguel-en-Vilapercide-trabada
17 Sep 2026

O Concello de Trabada vén de rematar as obras de acondicionamento da contorna da capela de San Miguel, en Vilapercide, unha intervención coa que se renovaron diferentes elementos deste espazo e á que se sumou tamén a colaboración da propia veciñanza.

Os traballos impulsados pola administración local incluíron a construción dun novo muro de contención, a rehabilitación da fonte e a renovación da varanda, mellorando así o estado xeral dun lugar estreitamente vinculado á vida da parroquia.

A actuación puido executarse grazas a un convenio asinado entre o Concello de Trabada e a Deputación de Lugo, dentro das iniciativas destinadas a conservar e acondicionar espazos públicos nos diferentes núcleos do municipio.

A intervención institucional tivo ademais continuidade por parte dos propios veciños de Vilapercide. Aproveitando as obras realizadas na contorna, a veciñanza promoveu pola súa conta novas melloras, entre elas o pintado da capela, contribuíndo deste xeito á renovación integral do conxunto.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou esta colaboración entre administración e veciñanza. "É moi positivo que ás melloras que realizamos desde as administracións se sume a implicación da veciñanza. Neste caso, o traballo realizado entre todos permitiu renovar a contorna e poñer en valor un espazo importante para Vilapercide", sinalou.

Melloras nas diferentes parroquias

A actuación de Vilapercide intégrase no programa que está a desenvolver o Concello para acondicionar locais e espazos públicos distribuídos polas diferentes parroquias de Trabada, atendendo instalacións e lugares de uso habitual para os seus habitantes.

"Queremos que este programa de melloras chegue aos distintos núcleos de Trabada, atendendo espazos que forman parte da vida das parroquias", explicou o rexedor.

O goberno local busca así estender progresivamente este tipo de intervencións polo territorio municipal, combinando a conservación dos espazos públicos coa posta en valor de lugares que manteñen unha especial vinculación coa actividade social e veciñal das parroquias.

0.16249918937683