Trabada remata as obras de mellora viaria en Louro cun investimento superior aos 25.000 euros

AMariñaXa
O Concello continúa impulsando actuacións nas parroquias e anuncia novas intervencións nas vindeiras semanas
mellora-viaria-en-Louro-Trabada-2026
24 Apr 2026

O Concello de Trabada vén de concluír as obras de mellora das vías de comunicación no lugar de Louro, na parroquia de Sante, unha actuación que supuxo un investimento de máis de 25.000 euros e que permitiu optimizar o estado dos accesos neste núcleo rural.

Esta intervención enmárcase nun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo, a través do cal tamén se están a executar outras actuacións no municipio orientadas á modernización de infraestruturas e espazos públicos. Entre elas, figuran os traballos nos accesos a Vilarbetote e a reforma do parque infantil de Fórnea.

Desde o goberno local subliñan que estas actuacións responden á necesidade de mellorar a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza, especialmente no ámbito rural, onde as comunicacións resultan fundamentais para o día a día.

Ademais, o Concello avanzou que nas próximas semanas se iniciarán novas intervencións incluídas neste mesmo marco de actuación. En concreto, están previstas as obras de reforma dos teleclubs de Vilaformán e Vilapena, así como a mellora dos accesos á antiga escola de Fórnea.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou que o executivo local continúa traballando de forma progresiva en todas as parroquias do municipio co obxectivo de dar resposta ás demandas veciñais e manter en bo estado as infraestruturas públicas.

0.117427110672