Trabada prepara a primeira ruta de sendeirismo por Sante

AMariñaXa
O Concello colabora coa Asociación de Veciños de Sante e coa Asociación de Sendeirismo Trabada Paso a Paso na organización desta ruta
Ruta-de-Sendeirismo-Voltiña-a-Sante
27 Aug 2024

O Concello de Trabada acolle a I Ruta de Sendeirismo Voltiña a Sante, que se desenvolverá este domingo, día 1 de setembro. O Concello colabora coa Asociación de Veciños de Sante e coa Asociación de Sendeirismo Trabada Paso a Paso na organización desta ruta, con saída ás 11.00 do Teleclub de Sante.

Trátase dunha andaina de dificultade media, con dúas horas e media de duración en total, na que se percorrerán 5,6 km na súa distancia curta e 8,5 km na súa distancia longa. Ao rematar a ruta haberá unha gran paellada no Teleclub de Sante ás 14.30, que inclúe paella mixta, pan, bebida, sobremesa e café. Terá un prezo de 15 euros para socios das asociacións e participantes da ruta e de 18 euros para o público xeral.

As inscricións na xornada poderán ser realizadas nos números de teléfono 636 024 263 e 677 331 980, antes do xoves 29 de agosto. “Dende o Concello de Trabada colaboramos con dúas destacadas asociación do noso municipio nesta marabillosa iniciativa na parroquia de Sante”, sinala o alcalde de Trabada, Rubén García.

“Continuaremos colaborando con tódalas asociacións e clubs de Trabada cando así o demanden, apoiando a realización de diferentes actividades tanto deportivas como culturais no Concello”, engade o rexedor.

0.16268420219421